O conselleiro do Medio Rural en funcións participou esta tarde na inauguración da XL Mostra Exposición de Muimenta, acompañado polo alcalde de Cospeito, Armando Castosa

A Xunta lamenta que o Goberno marxine ás autonomías na modificación da PAC e que sexa incapaz de consensuar as reformas coas principais organizacións agrarias

José González demándalle ao Ministerio de Agricultura atención ás particularidades dos territorios neste proceso e concreción para aliviar a incerteza dos produtores

Ante o posicionamento do Goberno, o conselleiro puxo en valor o labor da Xunta na procura de consenso coas organizacións agrarias e cooperativas e CCAA do cantábrico para sumar esforzos e reclamar maior empatía cara na aplicación da nova PAC

A Xunta remarca a importancia de flexibilizar este marco normativo para atender ás diferentes realidades dos agricultores e gandeiros que, por exemplo, segundo a rexión poden estar hoxe con problemas derivados do exceso de choiva ou da seca

González agradeceu ter sido convidado á inauguración deste evento e puxo de relevo o esforzo de todas as persoas que fan posible Moexmu, unha das feiras decanas da nosa comunidade, á que definiu como “xerme do desenvolvemento agrícola de Galicia” 

Como demostración de apoio da Xunta a este eido, destacou os 47 M€ destinados este ano ás axudas para plans de mellora e para fomentar a incorporación de activos ao agro e lembrou que a actual convocatoria segue aberta ata o próximo 22 de abril

Cospeito (Lugo), 5 de abril de 2024

A Xunta lamenta a incapacidade do Goberno central para chegar a acordos coas comunidades autónomas e para encontrar un consenso con todas as principais organizacións profesionais agrarias en cuestións como a modificación do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) e noutros asuntos clave para o futuro do sector.

Así o trasladou esta tarde o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, na inauguración da XL Mostra da Exposición de Muimenta (Moexmu), no concello lucense de Cospeito. Alí, estivo acompañado do alcalde da localidade, Armando Castosa, e do presidente de Moexmu, Celestino Méndez. 

Neste sentido, o titular do Medio Rural en funcións volveu definir as medidas presentadas esta semana polo Executivo central como pasos insuficientes, e insistiu en pedirlle ao ministro Planas que escoite ás comunidades autónomas e traballe con maior ambición en cuestións chave, como reducir ao máximo a burocracia soportada polas explotacións ou implementar novos ecorreximenes adaptados ás particularidades da España húmida. 

Estas medidas son, defende o Goberno galego, fundamentais para atender ás diferentes realidades dos agricultores e gandeiros que, por exemplo, segundo a rexión na que residan deben estar hoxe afrontando problemas derivados do exceso de choiva ou da seca. 

Precisamente, a demanda de flexibilización territorial da PAC e do Pepac é un dos eixos de reivindicación fundamentais da Xunta, que no último mes leva realizado un importante traballo na procura de consenso entre as principais organizacións agrarias e cooperativas galegas e o resto das comunidades autónomas da cornixa cantábrica co fin de sumar esforzos para demandar con máis forza cambios e reformas que deben ser estruturais. 

Neste contexto, González contrapuxo a vontade de cooperación e lealdade institucional mostrada pola Xunta ao longo de todo este proceso co posicionamento do Goberno e a súa incapacidade para chegar a acordos amplos coas comunidades e todos os principais representantes profesionais do sector agrogandeiro. 

Seguridade xurídica dos solicitantes da PAC

O titular do Medio Rural en funcións tamén fixo referencia en Cospeito á situación que están a vivir hoxe os titulares das explotacións, derivada das complexidades que trouxo consigo a nova PAC e do contexto de incerteza provocada pola falta de concreción de Madrid e Bruxelas á hora de determinar o nivel de profundidade das reformas e a súa calendarización. 

O Goberno autonómico insiste en reclamar ao central regras claras e seguridade xurídica para os agricultores e gandeiros. Considera que é precisa certeza e urxencia, por parte do Ministerio, á hora de concretar, canto antes, as modificacións que se van adoptar no Pepac e cales estarán vixentes xa este ano, co obxectivo de clarificar o proceso de solicitude da nova campaña e non prexudicar aínda máis os potenciais beneficiarios. 

Apoio do Goberno autonómico ao sector

Na súa intervención, José González destacou que o Executivo autonómico ten un compromiso firme co sector primario galego. Mostra deste apoio, indicou, son as liñas de achegas para a celebración de certames de gando, dotadas cun orzamento de 200.000 euros e que, tal e como sinalou o conselleiro en funcións, cobran especial relevancia nunha cita como Moexmu, que se configura como un “escaparate do rural galego”. 

Puxo en valor tamén os 47 millóns destinados este ano ás axudas para plans de mellora e para fomentar a incorporación de activos ao agro, e lembrou que a actual convocatoria segue aberta ata o próximo 22 de abril. Así mesmo, subliñou que nestas achegas se investiron, por parte da Xunta, un total de 500 millóns de euros nos últimos 15 anos. 

Así mesmo, José González fixo énfase nos 12 millóns de fondos propios postos este ano a disposición dos gandeiros galegos que traballan baixo o indicativo de Ternera Gallega Suprema, para “recoñecer as producións de calidade”, segundo explicou.

Neste contexto, apostou porque o produto galego se diferencie pola súa calidade, “unha característica das nosas producións que temos a responsabilidade de preservar”, dixo. Así, lembrou a Lei da calidade alimentaria, que se configura como un impulso sen precedentes á protección, defensa e promoción dos nosos produtos. Seguindo esta liña, destacou o Plan de promoción dos produtos alimentarios, dotado en 2024 con 9,5 millóns.

En parecidos termos, González sinalou que o compromiso da Xunta polo sector primario vai aparellado ás estratexias sectoriais para os eidos lácteo, cárnico, vitivinícola e hortícola, constituíndo verdadeiras pancas de acción para o seu impulso, co fin de garantir a súa sustentabilidade e estabilidade no funcionamento de toda a cadea de valor. 

A importancia de Moexmu 

Durante a súa intervención, o conselleiro do Medio Rural en funcións agradeceu ter sido convidado a Moexmu e puxo de relevo o esforzo de todas as persoas que fan posible este evento, unha das feiras decanas da nosa comunidade, á que definiu como “xerme do desenvolvemento agrícola de Galicia”. 

Asemade, lembrou que este certame vén de recibir o premio Aresa de desenvolvemento rural e afirmou que a súa potencialidade é “total e absoluta”. Por iso, en relación cos organizadores da mostra, louvou o labor de “homes e mulleres, completamente implicados, que facedes posible que este espazo se encha en todos os sentidos”.

Data de actualización: 05/04/2024