A Xunta comeza as obras de mellora do firme na estrada LU-861 ao paso polo concello de Vilalba
Esta intervención, cuxos traballos se desenvolverán ata o vindeiro día 10 de abril, conta cun investimento de máis de 60.000 €
O obxectivo é rehabilitar a capa de rodaxe nesta vía que comunica Vilalba co límite provincial e Igrexafeita
Tamén se actuará na rotonda de acceso ao polígono “Sete Pontes”, mediante un fresado e reposición do firme para optimizar as condicións de circulación
Para a execución destes traballos habilítanse carrís alternativos de circulación e sinalización provisional de desvíos, cando é necesario
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2024
A Xunta comezou as obras de mellora do firme na estrada LU-861 ao paso polo concello de Vilalba.
Esta intervención, que se desenvolverá ata o vindeiro día 10 de abril, conta cun investimento de máis de 60.000 €.
Os traballos que se están levando a cabo teñen como obxectivo a rehabilitación da capa de rodaxe nesta vía que comunica Vilalba co límite provincial e Igrexafeita.
A actuación acométese no marco do contrato de conservación ordinaria e vialidade invernal da zona norte de Lugo. De xeito máis concreto, forma parte da planificación da campaña de rehabilitación de firmes prevista para este ano.
Os traballos comprenden o acondicionamento do firme con formigón bituminoso nunha superficie aproximada de 4.500 m², entre os puntos quilométricos 0 e 03+000, no municipio de Vilalba.
Tamén se actúa na rotonda de acceso ao polígono de Vilalba “Sete Pontes”, mediante un fresado e reposición da capa de rodaxe co fin de optimizar as condicións de circulación do tráfico.
Unha vez rematadas as obras de rehabilitación do firme, procederase á reposición das marcas viarias afectadas.
Para a execución destes traballos habilítanse carrís alternativos de circulación e sinalización provisional de desvíos, cando é necesario.