A colaboración da Xunta co clúster do naval permitiu en dous anos a formación de 1.195 persoas cun investimento de máis de 510.000€

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, visitou hoxe Galventus Servizos Eólicos en Cambados, onde se están a impartir cursos de formación para traballar na reparación e mantemento de pas eólicas

Amosou o compromiso da Xunta para consolidar a cooperación cos clústeres en materia de formación con 4,4 millóns de euros presupostados para 2024

Destacou tamén a importancia da vixilancia da seguridade e saúde laboral lembrando que a Administración autonómica desenvolve controis en coordinación coa Inspección de traballo para garantir que se respectan os dereitos das persoas traballadoras

Cambados (Pontevedra), 5 de abril de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, visitou hoxe en Cambados Galventus Servizos Eólicos, onde se están a impartir cursos de formación para traballar na reparación e mantemento de pas eólicas. Estas accións formativas enmárcanse no convenio de colaboración que a Xunta mantén co Clúster do Naval Galego (Aclunaga) para a impartición de formación de carácter non formal, atendendo ás necesidades laborais de todos os axentes.

O obxectivo desta iniciativa é dar resposta ás vacantes laborais que están a existir en diferentes sectores da economía.

A colaboración da Xunta con Aclunaga permitiu nos dous últimos anos (2022-2023) formar 1.195 alumnos grazas a un investimento de preto de 510.000 euros. Para 2024, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste máis de 120.000 euros en Aclunaga para seguir favorecendo a formación das galegas e dos galegos, un apoio co que se prevé a cualificación de 230 persoas.

No acto celebrado en Cambados estiveron presentes alumnos do primeiro grupo de formación organizado por Aclunaga, que finalizaron cinco accións formativas que lles permitiu adquirir as capacitacions necesarias para traballar na reparación e mantemento de pas eólicas. Ademais, visitouse o curso de elaboración de laminados plásticos tamén enfocado á reparación e mantemento de pas eólicas.

Rivo amosou o compromiso do Goberno galego de consolidar a colaboración cos clústers, destinando este ano 4,4 millóns de euros a convenios con estas entidades, apostando coa actuación por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, na liña do sistema de microcredenciais polo que avoga Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais.

Os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 destinan á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros, dos que máis de 117 millóns se destinan ao novo Plan galego de formación para o emprego, un 12,9% máis ca este ano.

Seguridade e saúde laboral

Así mesmo, ademais de poñer en valor a importancia que ten para a Xunta a formación á carta para dar saída ás vacantes laborais, indicou que tamén é clave para o Goberno galego seguir reforzando a vixilancia da seguridade e da prevención de riscos laborais.

Concienciar ás empresas galegas da necesidade de garantir a seguridade e saúde no traballo é, nas súas palabras, o seu propósito e, por iso, lembrou que a Xunta desenvolve controis en coordinación coa Inspección de traballo para garantir que se respectan os dereitos das persoas traballadoras.

De feito, as sancións ás empresas en materia de seguridade e saúde laboral van dos 45 euros das máis leves aos preto dun millón de euros aos que poden chegar as moi graves.

Unha mostra deste compromiso, segundo indicou, é precisamente unha nova convocatoria para hoxe, a terceira que se celebra nos últimos seis meses, da Mesa Técnica do Sector Naval de Vigo, na que se están a avaliar, entre outras, propostas de actuacións para a mellora da xestión preventiva e para a redución da sinistralidade neste ámbito.

Na xuntanza de hoxe avaliáronse, en concreto, co sector, tanto as causas dos sinistros laborais nos estaleiros, como os puntos máis críticos na xestión preventiva. Ata o de agora identificouse a necesidade de mellorar a coordinación na xestión preventiva das actividades cando varias empresas actúan á vez. Para iso, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) elaborou un documento técnico neste senso para dar unha resposta a estes casos.

Así mesmo, é preciso, segundo as conclusións da xuntanza celebrada hoxe, mellorar a formación e a revisión dos protocolos. Acordouse, ademais, o reforzo de actuacións de seguimento e control que desenvolven en coordinación o Issga e a Inspección de Traballo.

Estas conclusións e actuacións trasladaranse tamén á Mesa do naval, que ten un carácter máis industrial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/04/2024