O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou esta mañá os traballos en marcha en dúas paradas situadas no núcleo de Cacheiras, en Teo, municipio no que se está a actuar en 35 paradas e cuxos traballos estarán finalizados en maio

A Xunta acada o 25 % de execución nas obras de mellora de 63 paradas de autobús en estradas autonómicas da zona sur de Santiago, que supoñen un investimento de 1,8 M€

Na actualidade están en execución actuacións en paradas nos Tilos, no Parque Montouto, en Montouto ou en Cacheiras, no concello de Teo; así como en Urdilde, Samil ou Castro, en Rois

Xa se acondicionaron 6 paradas na AC-543 e na AC-301, en Barcia e Roxos, en Santiago; en Martelo, en Rois; e en Lestrove, no municipio de Padrón

Estas tarefas forman parte dun contrato para mellorar a accesibilidade e a seguridade en 2 paradas en Dodro, 2 en Padrón, 7 en Rois, 8 en Santiago, 35 en Teo e 10 en Vedra 

O director explica que as obras avanzan a bo ritmo e segundo vaian finalizando, iranse poñendo ao servizo dos usuarios do transporte público, que verán melloradas as prestacións

Os traballos inclúen a instalación de marquesiñas, a mellora da accesibilidade con ramplas, información en braille ou o incremento da visibilidade e iluminación

As obras enmárcase no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, cun orzamento de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas 

Teo (A Coruña), 5 de abril de 2024

As obras de mellora da accesibilidade de 63 paradas de autobús en estradas autonómicas na zona sur de Santiago que está a desenvolver a Xunta cun investimento de 1,8 M€, acadan xa o 25% de execución.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto coa alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, supervisou hoxe estes traballos en marcha en dúas paradas situadas no núcleo de Cacheiras, en Teo, municipio no que se están a mellorar un total de 35 paradas e cuxos traballos se prevé ter rematados no mes de maio. 

Estas tarefas forman parte dun contrato maior que inclúe a mellora da accesibilidade e a seguridade en distintas paradas de estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vedra, que supoñen un investimento global da Xunta de máis de 1,8 millóns de euros.

Na actualidade están en execución actuacións en paradas na AC-841, concretamente nos Tilos, no Parque Montouto, en Montouto ou en Cacheiras, todas no municipio teense que hoxe visitou o director da Axencia Galega de Infraestruturas. 

Tamén están en marcha as actuacións en paradas situadas en Urdilde, en Samil ou Castro, no concello de Rois. E xa se acondicionaron 6 paradas na AC-543 e na AC-301, concretamente en Barcia e Roxos, en Santiago; en Martelo, en Rois; e en Lestrove, en Padrón.

Estas intervencións da Xunta están a levarse a cabo no ámbito das rutas de acceso á cidade de Santiago polo sur, nun total de oito estradas: AC-543, AC-241, AC-242, AC-301, AC-307, AC-453, AC-841 e AC-960. 

O director explicou que as obras nas paradas avanzan a bo ritmo e segundo vaian finalizando, iranse poñendo ao servizo dos usuarios do transporte público, que verán melloradas as súas prestacións.

As intervencións consisten no acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. 

Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

Ademais acométense melloras da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

Este proxecto forma parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Data de actualización: 05/04/2024