A oficina de turismo de Pontevedra da Xunta recibiu preto de 21.000 consultas no pasado ano, a maioría de procedencia nacional
O delegado territorial destacou os bos resultados das iniciativas da Xunta para a promoción do Camiño de Santiago
No que vai de ano, máis de 10.000 peregrinos realizaron o Camiño Portugués
Pontevedra, 05 de abril de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Oficina de Turismo de Pontevedra, xestionada pola Xunta.
O delegado quixo coñecer de primeira man o traballo dos especialistas que atenden e asesoran ás millares de persoas que cada ano pasan por este espazo en busca de información e recomendacións.
En concreto, no pasado 2023 a Oficina de Turismo recibiu preto de 21.000 consultas, das cales a maioría foron realizadas de forma presencial e por turistas de procedencia nacional.
Reguera recibiu con interese os datos moi positivos do Camiño de Santiago que parece que este ano volverá a bater récords. Así, ata o mes de marzo, recolleron a Compostela máis de 28.000 peregrinos por calquera dos camiños de Santiago, unha cifra que supera en 12.000 camiñantes a do ano pasado.
Os responsables da Oficina de Turismo fixeron especial fincapé no Camiño Portugués, que nos primeiros tres meses deste ano acumula xa máis de 10.000 peregrinos.
O delegado territorial destacou os bos resultados que están a ter as estratexias da Xunta para a promoción e potenciación do Camiño de Santiago como “unha alternativa de turismo desestacionalizado, respectuoso co medio ambiente e cos veciños e beneficioso para a economía, non so dos concellos polos que pasa a Ruta Xacobea, senón de toda Galicia”.