O Consello da Xunta autoriza a colaboración co Concello de Ares para acometer obras de emerxencia no saneamento municipal por importe de 1,15 M€

O obxectivo é prestar apoio técnico e económico ao Concello para resolver a situación xerada pola rotura do colector municipal que atravesa a praia do núcleo urbano

A Xunta financiará o 80% dos traballos, cunha achega de 920.000 €

A entidade local asume o financiamento restante, declara as obras de emerxencia e encárgase da súa execución

Con esta colaboración, o Goberno galego dá resposta á solicitude do Concello de Ares e contribúe a evitar o risco para a poboación nas zonas de baño e para o medio ambiente

Nos últimos anos, a Xunta executou actuacións por importe de 30 M€ para a mellora do saneamento municipal de Ares

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

O Consello da Xunta autorizou hoxe a colaboración co Concello de Ares para executar as actuacións extraordinarias para garantir o servizo de saneamento municipal, cun investimento de 1,15 M€.

O obxectivo é prestarlle apoio técnico e financeiro ao Concello para resolver a situación derivada da rotura, o pasado 22 de febreiro, do colector do sistema municipal de saneamento que atravesa a praia do núcleo urbano.

Coa colaboración da Xunta, a entidade local poderá asumir as obrigas económicas derivadas da execución das obras necesarias para solucionar as deficiencias detectadas tras a rotura do colector.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, financiará nun 80% as actuacións, coa achega de 920.000 euros, asesorando e prestando o seu apoio técnico na execución das obras.

Pola súa banda, a Administración local asume o 20% restante do custo das intervencións, así como a declaración das obras como emerxencia, procedendo tamén á súa execución e posterior mantemento.

Unha vez autorizado hoxe este convenio de colaboración entre ambas as administracións, este terá efectos desde o día seguinte ao da súa sinatura, sendo computables os gastos realizados nas intervencións desde o pasado 14 de marzo.

Deste xeito, o Goberno galego dá resposta á solicitude realizada polo Concello de Ares para a execución das intervencións necesarias de reparación do colector co fin de evitar o risco para a poboación nas zonas de baño e para o medio ambiente.

Actuacións obxecto do convenio

O saneamento do núcleo de Ares está formado por unha rede de sumidoiros por gravidade que verte nun colector común que discorre lonxitudinalmente paralelo á liña de costa e que leva a auga residual ata o bombeo de Ares, desde onde se impulsa sucesivas veces ata chegar á estación depuradora de augas residuais situada en Punta Avarenta.

O pasado 22 de febreiro produciuse unha rotura no tramo inicial do colector que discorre paralelo á praia, denominado Ares 3, afectando a unha lonxitude aproximada de 80 metros, o que deu lugar a unha vertedura directa de augas residuais ao mar e a entrada de auga de mar e area cara ao citado colector.

A Xunta, tras coñecer estas deficiencias no funcionamento do colector, púxose en contacto de xeito inmediato co Concello para ofrecerlle apoio e colaboración de cara a resolver este problema.

Nos días seguintes á rotura e co obxecto de minimizar o impacto ambiental da vertedura realizáronse unha serie de actuacións provisionais de contención da emerxencia, dada a complexidade da reparación e á espera de realizar un estudo técnico sobre a solución para restablecer ou funcionamento habitual do colector.

Unha vez emitido o informe técnico xustificativo da necesidade de levar a cabo intervencións extraordinarias para a reparación do colector e co obxectivo de eliminar o vertido incontrolado de augas residuais sen tratar ao mar, a entidade local declarou o pasado día 14 de marzo a emerxencia das actuacións extraordinarias para garantir o saneamento, ordenando a execución inmediata das obras e subministro para asegurar o funcionamento da rede municipal.

Nos últimos anos, a Xunta levou a cabo actuacións para a mellora do saneamento municipal de Ares por un importe global de 30 M€, incluíndo a execución do citado colector, que foi entregado ao Concello no ano 2014, para a súa conservación e mantemento.

Con esta nova colaboración, o Goberno galego continúa prestando o seu apoio aos concellos para que poidan exercer de xeito eficiente e responsable  as súas competencias de saneamento, abastecemento e depuración e proporcionar uns servizos de calidade aos cidadáns.

 

Data de actualización: 04/04/2024