Permanece aberto o prazo para participar nunha nova edición da campaña 1m2 contra a basuraleza

Con este tipo de campañas de sensibilización e mobilización cidadá, contribúese a eliminar da contorna natural todo tipo de residuos perigosos como poden ser cabichas, pneumáticos, envases plásticos e outros refugallos

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

O prazo para inscribirse na nova edición da campaña 1m2 contra a basuraleza permanecerá aberto ata o 26 de maio para aquelas administracións locais e provinciais, organizacións sen ánimo de lucro, empresas, comunidades de montes, asociacións e entidades de tipo cultural ou social e mesmo familias e grupos de amigos interesados en participar nesta xornada de limpeza e recollida de residuos que terá lugar o vindeiro, sábado, 1 de xuño.

Esta iniciativa é unha das accións máis coñecidas do programa Libera, creado por SEO/BirdLife e Ecoembes e coa que colabora a Xunta de Galicia, para loitar contra a presenza de lixo na natureza e sensibilizar á cidadanía sobre este problema medioambiental.

Con este tipo de campañas de sensibilización e mobilización cidadá, contribúese a eliminar da contorna natural todo tipo de residuos perigosos como poden ser cabichas, pneumáticos, envases plásticos e outros refugallos.

Cómpre lembrar que esta nova acción voluntaria forma parte das limpezas periódicas de 1m2 polas contornas –que inclúe tamén as accións de 1m2 por praias e mares, 1m2 por ríos, encoros e pantanos e 1m2 polo campo, os bosques e o monte-, cuxo obxectivo non é só liberar á natureza de lixo, senón caracterizar e tipificar os residuos que en cada punto de limpeza se atopan, a través del uso de la ciencia cidadá.

Galicia é unha das comunidades autónomas máis implicadas na tarefa de conservación dos espazos naturais e, de feito, o nivel de participación dos galegos nas actividades colaborativas que se organizan ao longo do ano para loitar contra a chamada basuraleza é cada vez maior.

Os interesados en colaborar con esta campaña poden consultar todos os detalles na páxina web do proxecto Libera.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2024