A Xunta aborda coa confraría e o Concello de Laxe as necesidades portuarias e avanza investimentos en pavimentos e iluminación Led de preto de 150.000 €

Laxe (A Coruña), 3 de abril de 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, acudiu a un encontro institucional co alcalde de Laxe, Francisco Charlín Oróns, mariscador e mariñeiro, e cos representantes da confraría de pescadores Santa María da Atalaia. Nesta reunión abordáronse as necesidades dos profesionais do pósito en materia de infraestruturas portuarias, entre as que manifestaron do peche do tráfico rodado ao porto á sinalización horizontal, así como a ocupación de distintas naves.  

Sobre os investimentos por executar este ano os responsables da Xunta trasladaron a renovación do pavimento portuario, ao que se destinarán 45.000 euros, e a instalación de iluminación led na que se investirán, unha vez culmine o proceso de licitación do contrato global para 26 dársenas autonómicas, de 103.000 euros que permitirán a instalación de 43 luminarias e o correspondente sistema de telexestión. No pasado a dragaxe deste porto, que culminou o pasado mes de xuño, supuxo un investimento acumulado de 3,6 millóns de euros, aos que se sumaron 130.000 euros da reparación do edificio de apartamentos e 31.000 euros máis para a dotación de defensas con escaleiras laterais.    

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 03/04/2024