A Xunta mantén aberto o período de solicitude de praza nas súas escolas infantís para o vindeiro curso

As familias poden cursar as súas peticións ata o venres 5 de abril, incluído

Pontevedra, 3 de abril de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou hoxe que o vindeiro curso será o terceiro na que a atención educativa será 100% gratuíta para todos os nenos e en todas as escolas infantís da comunidade, con independencia da súa titularidade. Fíxoo durante unha visita á escola infantil situada no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra.

Jacobo Rey lembrou que a Xunta mantén aberto ata o próximo venres 5 de abril (incluído) o prazo para que as familias soliciten praza nas escolas infantís da rede pública autonómica para o curso 2024-2025. Ofértanse arredor de 10.500 prazas de 0 a 3 anos distribuídas entre os centros da Axencia Galega de Servizos Sociais (Agass) e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O novo curso comezará o día 6 de setembro.

As solicitudes poderán remitirse de xeito electrónico a través da sede da Xunta de Galicia ou acudindo de xeito presencial a calquera dos rexistros oficiais. Este ano, como novidade, as familias cuxos proxenitores traballen terán máis puntuación á hora de acceder ás escolas. Desta forma, terán máis facilidades para atender ás súas necesidades de conciliación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2024