A Xunta promove un novo seminario dirixido ao sector lácteo para seguir favorecendo a competitividade das explotacións

A xornada desenvolveuse hoxe nas instalacións da explotación Devesa Langueirón, situada no concello coruñés de Ponteceso

O obxectivo desta acción formativa é o de introducir o manexo, por parte dos donos das explotacións, de indicadores técnico-económicos que supoñan unha base para a toma de decisión e favorezan a súa mellora

Esta proposta formativa supón unha continuación da visita organizada a varias explotacións de vacún de leite danesas no marco do curso “Gandeiros 20-30”

Ponteceso (A Coruña), 3 de abril de 2024

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural vén de organizar un seminario temático que leva por título ”A xestión técnico-económica nas explotacións de leite. O porque, o para que e o como dos indicadores habituais na xestión técnico-económica das explotacións de leite”, que se desenvolveu hoxe na explotación Devesa Langueirón, situada no concello coruñés de Ponteceso, ao longo do día.

O sector da produción de leite está a experimentar nos últimos anos unha importante reestruturación, adaptándose a novas políticas comunitarias e esixencias do mercado, polo que este seminario teórico-práctico pretende introducir o manexo, por parte dos donos das explotacións de leite, de indicadores técnico-económicos para que teñan unha base na súa toma de decisións. O fin último é que, coa obtención destes indicadores, os titulares das explotacións poidan compararse con outras para manter unha mellora constante para poder acadar os obxectivos de rendibilidade e sostibilidade.

A xornada conta cunha parte teórica na que se aborda a xestión técnico-económica dentro da Unión Europea e a explotación dos diferentes indicadores existentes. Por outra banda, a parte práctica analiza tanto os indicadores técnicos (ligados á eficiencia, saúde animal ou ao medio ambiente) e os económicos (relacionados coa granxa, con cada vaca ou cos traballadores) no caso concreto dunha explotación.

Dentro da aposta da Xunta por reforzar a formación continua no sector, este seminario segue a liña da visita técnica realizada recentemente por unha decena de gandeiros e gandeiras a varias explotacións de vacún de leite en Dinamarca, país no que traballan constantemente con indicadores para garantir a súa viabilidade. Esta actividade, realizada no marco do curso “Gandeiros 20-30”, buscou o intercambio de coñecemento con produtores e a aprendizaxe de novas tecnoloxías aplicadas a este eido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2024