A Xunta inicia as obras da nova senda entre O Milladoiro e a estación intermodal de Santiago, cun investimento de preto de 7,5 M€

Trátase do treito de 3,5 km de lonxitude que comezará no Milladoiro ata enlazar co actual itinerario da avenida de Clara Campoamor

A intervención, que conta cun prazo de execución de 18 meses, está a comezar coas tarefas de roza e limpeza no termo municipal de Ames

Esta actuación forma parte do novo itinerario que conectará, tamén, co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e o complexo de San Caetano, sumando un total de 13 km e un investimento de case 12 M€

Actualmente están en execución as obras do treito entre a estación intermodal e o San Caetano, cun investimento de preto de 2,4 M€

Os traballos céntranse na habilitación de novos itinerarios para peóns e ciclistas, con pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2024

A Xunta vén de iniciar hoxe as obras da nova senda entre O Milladoiro, en Ames, e a estación intermodal de Santiago de Compostela, cun investimento de preto de 7,5 M€.

A intervención, que conta cun prazo de execución de 18 meses, prevé a execución dun itinerario de 3,5 quilómetros de lonxitude. Os traballos están a comezar coas tarefas de roza e limpeza no termo municipal de Ames.

A nova senda comeza no núcleo do Milladoiro, no aparcadoiro de Agro do Medio e comunicará a través das rúas Curuxa e Figueiras co eixe Milladoiro-Santiago, o cal discorre inicialmente entre a SC-20 e a AP-9, pasando por encima dos túneles de ADIF e conectando coa rúa Virxe do Rial.

A partir da rúa Virxe do Rial, o itinerario entrará no antigo túnel de Adif, que será obxecto de acondicionamento e continuará polo Banquete de Conxo, o parque do Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor, á altura da estación intermodal.

Estes traballos, tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública, reduciron ata a metade a superficie que se necesitaba expropiar no entorno do lugar do Reiro. Ademais, elimináronse as pasarelas sobre o río Sar, empregando para o cruce as pontellas existentes.

No contorno do Antigo Mosteiro de Conxo utilizarase a plataforma do camiño existente, sen ampliar a explanación e cun pavimento o máis natural posible; mentres que no paso por debaixo da estrada de Deputación darase continuidade ao itinerario, acondicionando e limpando a contorna coa finalidade de mellorar o aspecto que presenta na actualidade.

Atendendo ás suxestións presentadas, eliminouse tamén a conexión da rúa Ramón Baltar, que quedará pendente de desenvolvemento en consenso e coordinación co Plan Especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo, que actualmente se atopa en fase de tramitación ambiental.

Esta nova intervención forma parte da creación do itinerario que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano: case 13 km que suporán un investimento de case 12 M€.

A Xunta esta a executar xa as obras do treito entre a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano, cun investimento de preto de 2,4 M€, iniciadas o pasado día 27 de febreiro.

Os novos itinerarios impulsan un percorrido exclusivo de novo trazado para peóns e ciclistas, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado, e completaranse cun terceiro de conexión do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Estas actuacións son impulsadas ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2024