A Xunta comeza as obras do aparcadoiro disuasorio na estrada PO-546 en Lourizán, no concello de Pontevedra, que suporá un investimento de 350.000€

O equipamento sitúase entre o acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección co núcleo do Rozo

Trátase dun emprazamento estratéxico na comunicación entre Pontevedra e O Morrazo, polo que o aparcadoiro facilitará tanto o uso do vehículo compartido como do transporte público

Habilitaranse 71 prazas, das que 2 se reservan para persoas con mobilidade reducida

O aparcadoiro integrarase na senda que comunicará os núcleos de Mollavao e Os Praceres, cuxa licitación se prevé este mes cun investimento de máis de 6,8 M€

A intervención enmárcase na aposta da Xunta por transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nunha gran senda de mobilidade sostible, grazas a un investimento global de preto de 10 M€

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2024

A Xunta vén de comezar as obras do aparcadoiro disuasorio na estrada PO-546 en Lourizán, no concello de Pontevedra, que suporá un investimento de 350.000 €.

Trátase da construción dun aparcadoiro entre a vía de acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección da estrada de conexión da PO-546 co núcleo do Rozo.

Este novo equipamento executarase no tramo da estrada vella entre Marín e Pontevedra situado entre os quilómetros 2+750 e 2+950 da PO-546 e contará cunha superficie total de 2.465 m².

A situación considerouse estratéxica ao atoparse nesta vía de comunicación entre Pontevedra e o resto da comarca do Morrazo, facilitando tanto o emprego do coche compartido (carpooling), como do  transporte público.

Habilitarase un total de 71 prazas de estacionamento en batería e dúas desas prazas reservaranse para persoas con mobilidade reducida.

Na contorna dos 300 metros do aparcadoiro existen 4 paradas de autobús que comunican Pontevedra cidade coa comarca do Morrazo, convertendo o emprazamento nun lugar de intercambio modal.

A actuación completarase coa dotación de alumeado público, videovixilancia, preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación na contorna.

Cómpre lembrar que o aparcadoiro intégrase na senda que comunicará os núcleos de Mollavao e Os Praceres, cuxa licitación se prevé este mesmo mes.

As actuacións consisten na execución dun itinerario pola marxe dereita da PO-546, de 3,5 quilómetros de lonxitude e cun ancho que oscilará entre os 2,9 e os 4 metros, entre os puntos quilométricos 0+590 e 4+090.

O obxectivo desta intervención, que contará cun investimento de máis de 6,8 M€, é transformar a vía e mellorar a súa funcionalidade, orientándoa ao tránsito de peóns, ciclistas e transporte público.

A intervención enmárcase na aposta da Xunta por transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nunha gran senda de mobilidade sostible, cun investimento global de preto de 10 M€.

Estas intervencións forman parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2024