A Xunta reforza desde o luns os servizos de autobús en Teo con novas paradas, un servizo á primeira hora da mañá ata A Ramallosa e melloras nos horarios nas conexións con Santiago e Padrón

A liña actual A Agrela-A Ramallosa prolóngase ata O Espiño e engade tres novas paradas nos lugares de Buela e Veitureira, en Teo, e no lugar de Bascuas, en Padrón

Nesa liña actívase un novo servizo baixo demanda, de luns a venres laborables, con saída máis cedo, ás 07,15 horas, que permitirá chegar á Ramallosa antes das 08,00 

Os servizos A Silva-Santiago da primeira hora da mañá en tempada non lectiva e da primeira hora da tarde en época escolar adiántanse ás 07,10 horas e ás 14,45 horas, respectivamente, para axustarse ás demandas dos usuarios

Os horarios da liña Xoane-Padrón da mañá en tempada non lectiva iguálanse cos da época lectiva, saíndo de Padrón ás 07,15 horas e de Xoane ás 07,40 horas

Nesta mesma liña, durante a tempada escolar o servizo de ida pola tarde sairá ás 16,00 horas

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2024

A Xunta reforzará desde o próximo luns, 8 de abril, os servizos de autobús no municipio de Teo con novas paradas, un servizo á primeira hora da mañá ata A Ramallosa e melloras nos horarios das conexións con Santiago e Padrón.

Con estes axustes, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atende as peticións trasladadas polo Concello e a cidadanía de Teo, ampliando a cobertura do transporte público a máis localidades e adecuando con maior precisión os horarios dalgúns servizos. 

Así, a liña A Agrela-A Ramallosa, que conecta a zona limítrofe de Teo e Padrón coa capital municipal, prolóngase para atender catro paradas máis. Tres destas paradas son novas e créanse en poboacións que non contaban con elas: nos lugares de Buela e Veitureira, en Teo, e no lugar de Bascuas, en Padrón. A outra parada, no Espiño, que será cabeceira da liña, xa se viña empregando noutras liñas de transporte público. 

Ademais, nesta liña, que pasa a denominarse O Espiño-A Ramallosa, actívase un novo servizo máis cedo dos actuais, ás 07,15 horas, que funcionará baixo demanda de luns a venres laborables durante todo o ano e que permitirá chegar á capital municipal antes das 08,00 horas.

A ampliación da liña e a nova frecuencia melloran a mobilidade dos cidadáns ata a capital do concello e, ao tempo, permítelles acceder na Ramallosa á oferta de servizos de transporte público que conecta esta localidade con Santiago de Compostela e outros puntos do municipio de Teo. 

Na conexión con Santiago, en tempada non lectiva adiántase ás 07,10 horas a saída do servizo A Silva-Santiago de primeira hora da mañá, para que a chegada sexa antes das 08,00 horas, facilitando a marxe de tempo aos usuarios para os seus horarios de traballo, tamén fóra dos períodos escolares. 

En tempada lectiva, o servizo A Silva-Santiago das 15,15 horas adiántase ás 14,45 horas para adecuarse ás necesidades dos usuarios con horarios de tarde.

Nas conexións entre Teo e Padrón, en tempada non lectiva, os servizos da liña Xoane-Padrón adáptanse aos horarios solicitados polos cidadáns e terán horarios que xa se atopan vixentes nos períodos lectivos. Así, de luns a venres laborables, á primeira hora da mañá sairá en sentido Padrón-Xoane un servizo ás 07,15 horas e, a continuación, en sentido Xoane-Padrón sairá ás 07,40 horas. 

Durante os períodos escolares, o servizo da tarde de Xoane a Padrón terá saída ás 16,00 horas de luns a venres laborables.

O conxunto das medidas aprobadas responden ao compromiso da Xunta de Galicia por mellorar os servizos de transporte público interurbano adaptándoos, na medida do posible, ás necesidades de mobilidade dos usuarios.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 03/04/2024