A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións visitou hoxe o centro de Vilagarcía de Arousa tras o remate das obras

Fabiola García visita as novas instalacións do centro Princesa Letizia de Amencer-Aspace ás que a Xunta destinou 2 millóns de euros

A través destas actuacións, creáronse 22 novas prazas de atención diúrna e nove de atención residencial

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 3 de abril de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, visitou hoxe as novas instalacións do centro Princesa Letizia de Amencer-Aspace en Vilagarcía de Arousa, tras o remate das obras de ampliación. O Goberno galego destinou unha axuda de 2 millóns de euros a estas actuacións que permitiron ampliar a súa capacidade en 22 prazas de atención diúrna e nove de atención residencial. 

A conselleira en funcións apuntou que, con estas obras, o centro Princesa Letizia poderá chegar aínda a máis familias desta comarca e da súa contorna ofrecendo unha atención da máis alta calidade ás persoas con parálise cerebral e ás súas familias. Estas obras financiáronse a través da orde específica para a ampliación ou creación de novos centros de titularidade social e tamén mediante a orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF. 

Fabiola García lembrou que a Xunta está o carón das persoas con discapacidade e tamén das entidades sociais que fan posible que os coidados cheguen a un maior número de persoas. Así, apuntou o Goberno galego ampliou as axudas con cargo ao 0,7% do IRPF, aprobou novas ordes para a adquisición de vehículos e tamén blindou a atención a través do tan agardado concerto social, ao que a Xunta destina cada ano 100 millóns de euros. Así mesmo, apuntou que neste 2024 crearanse novas prazas públicas de atención á discapacidade por toda Galicia. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2024