A Xunta salienta o labor do Centro Comercial Aberto de Boiro na potenciación do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe na presentación do novo catálogo de premios do sistema de fidelización co que a asociación potencia as compras na localidade coruñesa

A iniciativa conta co apoio da Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do programa de axudas para impulsar o traballo de dinamización dos centros comerciais abertos, que contará este ano con 2,25 millóns de euros

Boiro (A Coruña), 2 de abril de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe na presentación do novo catálogo de premios do sistema de fidelización da Asociación Boirense de Empresarios, Centro Comercial Aberto (CCA) de Boiro. Este sistema de fidelización conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa de axudas mediante o que se apoia o labor de dinamización do comercio local que realizan ao longo de todo o ano os centros comerciais abertos.

Heredia, que resaltou a calidade e a variedade do comercio boirense, salientou que este programa, a través do cal o CCA de Boiro contou o ano pasado cunha axuda da Consellería de Economía, Industria e Innovación de 44.000 euros, terá este ano un orzamento de 2,25 millóns de euros.

O sistema de fidelización do comercio boirense púxose en marcha o ano pasado. Os clientes só teñen que rexistrar os tíckets de compra na web www.abe.gal e van acumulando o 10% do seu importe en puntos que poderá cambiar polos premios do catálogo. O sistema conta con máis de 2.800 usuarios activos e máis de 400 premios entregados aos clientes. No acto celebrado hoxe presentouse o novo catálogo que estará vixente ata o 31 de marzo de 2025, así como as novas funcionalidades do sistema de fidelización, newsletter e xestión de cambio de premios. Ademais de acumular puntos os clientes participan en sorteos e reciben información das campañas da asociación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2024