O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, coa delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, supervisou a marcha das obras na PO-329, que acadan o 85% de execución

A Xunta rematará neste mes de abril os traballos de humanización das rúas Buenos Aires e Progreso do Porriño tras un investimento de case 1 M€

Estase a ultimar a reforma integral da PO-329 ao seu paso polo centro urbano co obxectivo de transformar a estrada en rúa na que os coches cedan protagonismo aos peóns

Para acadar rúas máis seguras, accesibles e humanas, habilitáronse beirarrúas máis anchas, reordenáronse as zonas de aparcadoiro, renováronse os pavimentos e mellorouse a iluminación con 22 novos puntos e reforzos nos pasos peonís

Os traballos están moi avanzados e restan só a disposición de mobiliario urbano, xardinería e rego, e a sinalización horizontal e vertical

Os traballos iniciáronse no treito desde a glorieta coa PO-511 e a PO-331 ata o cruce co río Louro, continuaron na rúa Progreso, entre o límite de Mos e o paso a nivel coa vía férrea, deixando para o final o treito máis complexo, entre o paso a nivel e o acceso a Frigolouro

O Porriño (Pontevedra), 2 de abril de 2024

A Xunta rematará neste mes de abril os traballos de humanización das rúas Buenos Aires e Progreso do Porriño tras un investimento autonómico de case 1 millón de euros.

Así o avanzou esta mañá o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o tenente de alcalde do Porriño, Carlos Martínez, supervisou a marcha das obras na estrada PO-329 ao seu paso polo centro urbano, que acadan xa o 85% de execución.

Francisco Menéndez explicou que se está a ultimar a reforma integral da vía autonómica ao seu paso polo centro urbano do municipio co obxectivo de transformar a estrada en rúa na que os coches cedan protagonismo aos peóns.

Así, para acadar rúas máis seguras, accesibles e humanas, habilitáronse beirarrúas máis anchas, reducindo para iso a anchura dos carrís de circulación co obxectivo de favorecer un tránsito máis cómodo e seguro para os veciños e primar os peóns fronte aos vehículos.

Ademais, reordenáronse as zonas de aparcadoiros, renováronse os pavimentos e mellorouse a iluminación, coa instalación de 22 novos puntos e reforzos lumínicos nos pasos de peóns, para garantir unha maior seguridade.

Tal e como resaltou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, no proxecto tívose en conta a petición do Concello do Porriño e do Consorcio de Augas do Louro, aproveitando os traballos para acometer tamén unha necesaria renovación e ampliación das redes de saneamento e abastecemento.

A actuación abrangue un treito de case 700 metros da PO-329 e ten como obxectivo reforzar a seguridade a pé dos veciños, ademais de mellorar a accesibilidade e o aspecto estético da vía, favorecendo a súa mellor integración na vida urbana do núcleo do Porriño.

Segundo as necesidades detectadas, dividiuse en diferentes ámbitos de actuación, comezando pola zona da rúa Buenos Aires, no treito que vai desde a glorieta coa PO-511 e a PO-331 ata o cruce co río Louro, pasando baixo a autovía A-55. Na zona máis próxima ao río, a prioridade era mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándonos á normativa de accesibilidade.

Nas proximidades da glorieta, acometeuse unha actuación máis ampla, coa reordenación da calzada para gañar espazo para os peóns, reducindo o dos carrís, ademais de dispoñer sitio para os contedores e aparcadoiros, renovando e ampliando  tamén as beirarrúas, a iluminación e a sinalización e dispoñendo mobiliario urbano.

Tras ese primeiro treito de actuación, os traballos avanzaron na rúa Progreso, entre o límite con Mos e o paso a nivel coa vía férrea, acometendo a reordenación da calzada a e a humanización da vía.

O treito máis complexo, entre o paso a nivel e o acceso á empresa Frigolouro, deixouse para o final, traballando co maior coidado para minorar as molestias e as afeccións.

Francisco Menéndez detallou que nestes momentos as obras están xa a ultimarse, unha vez acometidos os firmes e os pavimentos, as beirarrúas, os accesos, reordenadas as bandas de aparcadoiro, renovados as redes de abastecemento e pluviais e instalado o novo alumeado.

Nas próximas semanas avanzarase no seu remate, coa disposición de mobiliario urbano, xardinería e rego, e sinalización horizontal e vertical.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas lembrou que estas obras completan a renovación da estrada PO-329, continuando a intervención executada no treito inicial no termo municipal de Mos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2024