O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das subvencións, que se presentarán nun webinario o vindeiro venres, 5 de abril

A Xunta destina 200.000 a axudas para que as asociacións sen ánimo de lucro promovan actividades de educación ambiental sobre o coidado dos ríos

Augas de Galicia multiplica por catro o investimento destinado a estes programas e ábreo á participación de todas as entidades interesadas

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá

Poderán optar ás axudas todas as asociacións sen ánimo de lucro con domicilio en Galicia que teñan recollidos entre os seus fins a conservación da natureza

Serán actuacións subvencionables as relacionadas coa concienciación respecto do ciclo da auga, o seu uso sostible ou a conservación de ecosistemas acuáticos

Entre as actividades subvencionables están a edición de libros, guías, vídeos e contidos en redes sociais, así como á realización de xornadas e charlas formativas

As asociacións tamén poderán organizar saídas de campo, limpezas de residuos nos ríos e nas súas contornas ou actividades de revexetación ou de mellora dos hábitats

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas a asociacións sen ánimo de lucro para promover actuacións de educación ambiental sobre a sustentabilidade dos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, cun orzamento de 200.000€.

O obxectivo é axudar ás asociacións a dar a coñecer o papel fundamental dos ríos e as súas implicacións ambientais, así como achegar prácticas e comportamentos que permitan aos cidadáns o mantemento e mellora dos cursos fluviais mediante  dinámicas que fomenten a participación cidadá.

A convocatoria para este ano multiplica por catro o investimento destinado aos programas de voluntariado ambiental, ademais de abrilos á concorrencia de todas as entidades interesadas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240402/AnuncioO143-190324-0004_gl.html

Estas subvencións están dirixidas ás asociacións sen ánimo de lucro, que teñan recollidos entre os seus fins a conservación da natureza e a protección do medio ambiente, sempre que o seu domicilio e ámbito territorial estean en Galicia.

Entre as actuacións subvencionables, figuran as relacionadas coa concienciación respecto do ciclo da auga, o seu uso sostible ou a conservación de ecosistemas acuáticos. Para isto, as entidades poderán proceder á edición de libros, guías, vídeos e contidos en redes sociais, así como á realización de xornadas ou charlas formativas.

As asociacións tamén poderán organizar saídas de campo, limpezas de residuos nos ríos e nas súas contornas ou actividades de revexetación ou de mellora dos hábitats.

As actuacións propostas poderán desenvolverse nunha das catro zonas fluviais que conforman a Demarcación Galicia-Costa: Galicia Norte, Galicia Centro, Galicia Sur e A Mariña.

A Xunta, a través destas iniciativas, contribúe á preservación e mellora do medio ambiente e, en particular, dos ecosistemas acuáticos, previndo o deterioro do estado de todas as masas de auga co fin de acadar o seu bo estado ecolóxico.

Webinario de presentación das axudas

Augas de Galicia celebrará o vindeiro venres, día 5 de abril, un webinario destinado á presentación destas axudas convocadas hoxe a través do Diario Oficial de Galicia. O obxectivo é dar a coñecer a convocatoria e explicar os seus requirimentos, así como o modo para a presentación da documentación.

O webinario celebrarase entre as 11 e 12 horas do venres e para participar é necesario inscribirse a través da seguinte ligazón.

Data de actualización: 02/04/2024