A Xunta activa para hoxe a alerta laranxa por vento na Coruña

No noroeste, oeste e suroeste da provincia haberá rachas máximas de 100 km/h con ventos de dirección sur e suroeste

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou para hoxe a alerta laranxa por vento na costa da Coruña. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso comeza a primeiras horas desta mañá.

Agárdanse rachas máximas de 100 km/h con ventos de dirección sur e suroeste que afectarán ao noroeste, oeste e suroeste da Coruña. Ademais, no interior desta provincia, así como en toda a de Pontevedra, na Mariña, no centro e na montaña de Lugo, e na montaña de Ourense activouse a alerta amarela por rachas de ata 90 km/h.

Cómpre lembrar que na Coruña está activa tamén a alerta laranxa por temporal costeiro, que comezou a pasada madrugada no litoral oeste e noroeste da provincia, con vento do suroeste forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata 5 metros. O resto da costa galega, agás a Mariña, ten activa a alerta amarela por ventos do sur de ata forza 7, que poden chegar ocasionalmente a forza 8, e mar combinada do suroeste con ondas de ata 5 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento. Ante a alerta por temporal costeiro cómpre manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2024