O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o centro

A nova residencia de maiores da Xunta en Cerdedo cumpre un ano desde a chegada dos primeiros usuarios

Preto de 50 persoas maiores viven e reciben coidados neste equipamento

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 29 de marzo de 2024

A nova residencia de Cerdedo posta en funcionamento pola Xunta de Galicia cumpre un ano desde que chegaran os seus primeiros usuarios. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o centro, no que viven e reciben coidados especializados preto de 50 persoas maiores deste concello e dos municipios limítrofes.

Perfecto Rodríguez sinalou que a residencia funciona nestes momentos ao máximo da súa capacidade e que con ela o Goberno galego completa os servizos públicos destinados ás persoas maiores cos que conta Cerdedo-Cotobade, que tamén dispón dun centro de día e dun fogar residencial. Neste sentido, destacou o compromiso do Executivo autonómico por levar os coidados e atencións que necesitan as persoas maiores alí onde viven, xa sexa nunha cidade ou en concellos máis pequenos, menos poboados ou de carácter rural.

A Xunta de Galicia investiu dous millóns de euros na construción e no equipamento desta residencia de Cerdedo, dotándoa de todas as comodidades para os seus usuarios, con habitacións amplas, accesibles e con ventilación e iluminación natural. Así mesmo, todos os dormitorios dispoñen de aseo e ducha propia.

O centro divídese en tres áreas diferencias: unha zona para servizos de administración; outra residencial e unha terceira de atención especializada na que se encontran os servizos de rehabilitación. Ademais, os residentes desfrutan cando o tempo o permite dunha ampla zona axardinada exterior, na que poden descansar, facer actividades, pasear ou estar cos seus familiares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2024