Alumnos do CFEA de Lourizán visitan as Illas Cíes para poñer en práctica os coñecementos adquiridos no ciclo de Xestión forestal e do medio natural

Os estudantes levaron a cabo unha viaxe formativa de catro días para poñer en práctica a aprendizaxe adquirida dentro desta oferta educativa

Tutelados polo persoal do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, tiveron a posibilidade de actuar dentro dos espazos desta contorna natural para desenvolver as técnicas previamente aprendidas

Ademais, estudouse a posibilidade de iniciar un proxecto pedagóxico de recollida de material vexetativo de interese singular para que os alumnos o repliquen nos viveiros do CFEA de Lourizán

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2024 Un grupo de 12 alumnos de segundo curso do ciclo superior de Xestión Forestal e Medio Natural do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Lourizán, localizado en Pontevedra, levaron a cabo unha viaxe formativa ás Illas Cíes ao longo de catro días para valorar a aprendizaxe adquirida dentro desta disciplina educativa.

Baixo a tutela do persoal do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e do profesorado do CFEA, os estudantes tiveron a posibilidade de actuar dentro dos espazos desta contorna natural para desenvolver in situ, e con especialistas altamente cualificados, actividades vinculadas cos aspectos modulares recollidos dentro da oferta formativa do Ciclo superior de Xestión Forestal e do Medio Natural. Deste xeito, puideron abordar cuestións de botánica agronómica, topografía, fitopatoloxía, proxecto de viveiros, técnicas de educación ambiental, xestión cinexética, defensa contra os incendios forestais e xestión da conservación de montes e do medio natural.

A finalidade desta visita foi a de analizar as posibilidades, tanto da contorna como a nivel material e humano, para establecer un proxecto pedagóxico e accións formativas para a realización da FCT -formación en centros de traballo- por parte dos alumnos, e na liña da transferencia de coñecemento por parte do persoal dos parques nacionais cara os estudantes.

Este proxecto buscou a recollida de material vexetativo de interese singular para que os alumnos os poidan replicalos nos viveiros do CFEA de Lourizán, coa fin da súa propagación e engorde para entregalos posteriormente tanto aos técnicos de parques naturais como do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, co obxectivo final de que os  alumnos rematen o peche deste ciclo produtivo coa posta en práctica de diferentes técnicas de plantación, baixo a dirección técnica e seguimento da trazabilidade por parte de dito persoal se isto fose preciso.

Colaboración con espazos naturais protexidos

Esta colaboración do CFEA de Lourizán coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural e cos espazos naturais dependentes dela -neste caso o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia- favorece a posibilidade de que o seu alumnado poida aplicar sobre o terreo aspectos multi-modulares dentro dun contexto real e fóra do ámbito do centro de formación.

Por outra banda, estas accións formativas tamén benefician aos espazos protexidos pois vense beneficiados pola oportunidade de potenciar un banco de material seleccionado e coa trazabilidade necesarias para replicar especies de interese, así como a súa implantación, ao mesmo tempo que os alumnos que rematan o ciclo formativo se converten en profesionais aptos para desenvolver o seu labor en espazos naturais deste tipo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2024