A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións visitou hoxe o parque ourensán do Invernadeiro

A Xunta convoca axudas por 1,63 M€ para impulsar proxectos de conservación e posta en valor dos 6 parques naturais de Galicia

Ángeles Vázquez anuncia que desde mañá xa se poden pedir subvencións para obras, proxectos e campañas de sensibilización nestes espazos por importe de ata 12.000 € no caso de particulares, empresas e asociacións e de 40.000 € no dos concellos

Tras participar no izado da bandeira sendeiro azul na ruta da Aceveda, a primeira en lograr este distintivo na provincia de Ourense, subliña a importancia de apostar por iniciativas que contribúan a fomentar o uso público e sostible do patrimonio natural

Cunha extensión de 8 km, o itinerario discorre integramente polo Parque Natural do Invernadeiro, o único de titularidade 100 % pública que hai na Comunidade galega

Vilariño de Conso (Ourense), 27 de marzo de 2024

A Xunta convoca unha nova orde de axudas cun orzamento de 1,63 millóns de euros para financiar actuacións e proxectos que contribúan á posta en valor e conservación da biodiversidade e dos valores patrimoniais que albergan os seis parques naturais existentes en Galicia: Fragas do Eume, Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, Monte Aloia, Serra da Enciña da Lastra, Baixa Limia-Serra do Xurés e O Invernadeiro.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, acompañada da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitou hoxe O Invernadeiro, onde anunciou que, a partir de mañá e ata o vindeiro 28 de abril, os interesados poderán presentar as súas solicitudes para optar a subvencións de ata 12.000 euros por proxecto no caso de que o promotor sexa unha persoa física ou xurídica, asociacións ambientais e comunidades de montes ou empresas e de, como máximo, 40.000 euros se o solicitante é un concello.

A responsable autonómica participou esta mañá no acto de izado da bandeira que acredita como sendeiro azul a ruta da Aceveda, localizada no corazón do Parque Natural do Invernadeiro, en Vilariño de Conso, e cunha extensión total de 8 quilómetros.

Ao respecto, explicou que foi a Xunta, como propietaria do 100% deste espazo natural, a que decidiu presentar a candidatura deste itinerario aos galardóns que convoca cada ano a Asociación de educación ambiental e do consumidor, para poñer en valor o papel das sendas e camiños peonís como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e turísticas ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.

Tras subliñar que se trata do primeiro sendeiro azul declarado na provincia de Ourense e o primeiro tamén que discorre integramente por un parque natural galego, a vicepresidenta segunda en funcións lembrou que este ano Galicia se consolida como a comunidade española con máis rutas distinguidas, cun total de 49 das 128 concedidas no conxunto do país e unha rede de itinerarios azuis que suma xa 319,37 quilómetros.

Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou a importancia de apostar por iniciativas como esta, que supoñen un recoñecemento ao traballo a prol do uso público e sostible do patrimonio natural galego, un obxectivo no que enmarcou tamén a liña de axudas que desde hai anos convoca a Xunta para apoiar actuacións e proxectos tanto de iniciativa pública como privada nestes espazos naturais.

Ao respecto, explicou que, como principal novidade da orde deste ano, se poderán subvencionar tamén campañas de concienciación medioambiental e actividades informativas e de sensibilización relacionadas con calquera dos seis parques naturais.

Así mesmo e ao igual que en convocatorias anteriores, tamén serán subvencionables iniciativas destinadas á conservación e restauración da biodiversidade, especialmente as dirixidas a mitigar os efectos do cambio climático; á mellora da conectividade ecolóxicas da fauna e a flora; a recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos e necesarios para o mantemento da súa paisaxe, e á creación ou mellora de infraestruturas para a xestión de usos recreativos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2024