A Xunta recoñecerá a excelencia de 23 titulados de FP de grao superior cos premios extraordinarios

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria destes galardóns, dirixidos aos estudantes que remataron o ciclo no ano 2023

Cada estudante premiado recibe 1.000€, un diploma acreditativo, e poderá concorrer ao correspondente Premio Nacional

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2024.- A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria dos premios extraordinarios de Formación Profesional de Grao Superior para o alumnado que rematou os seus estudos no curso 2022/23. Son en total 23 galardóns, un por cada familia profesional, cos que se recoñecen e valoran publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estas ensinanzas.

Poderán optar a estes premios as persoas que cursaran estudos de FP de grao superior durante o curso 2022/23 nalgún centro educativo galego, na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e remataran no ano 2023. Ademais, esíxese unha cualificación final igual ou superior a 8,5 puntos, entre outros requirimentos.

O prazo de presentación de solicitudes para optar aos galardóns estará aberto ata o día 25 de abril. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou directamente desde a propia aplicación PremiosEdu.

Cada estudante premiado recibirá 1.000€ e un diploma acreditativo. Ademais, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente Premio Nacional de Formación Profesional de grao superior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2024