O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou hoxe o avance destas actuacións na AC-231, cuxo grao de execución acada xa case o 50%

A Xunta porá este verán á disposición dos veciños de Curtis a 1ª fase da mellora integral da travesía de Teixeiro, cun investimento de 1,3 M€

A reforma desenvólvese ao longo de case 1 km en dúas zonas: na propia estrada AC-231 e no camiño do Centro Etnográfico

Francisco Menéndez detalla que xa se acometeron a rede de pluviais e de saneamento, agás un pequeno tramo en contacto coa glorieta da N-634

Sinala que na actualidade se están a executar as instalacións de servizos, de iluminación, telecomunicacións ou electricidade, así como o firme das beirarrúas

Curtis (A Coruña), 27 de marzo 2023

A Xunta porá este verán á disposición dos veciños de Curtis a 1ª fase da mellora integral da travesía de Teixeiro, que supón un investimento autonómico de 1,3 M€.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou esta mañá o avance destas actuacións que está a acometer a Xunta na estrada AC-231, cuxo grao de execución acada xa case o 50%, pero cos traballos máis complexos case rematados, de disposición de novas conducións para resolver os problemas de saneamento e pluviais.

 

A intervención, que comezou o pasado verán, desenvólvese ao longo de case 1 km de lonxitude en dúas zonas diferenciadas: na propia estrada AC-231 e no camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica.

 

Francisco Menéndez detallou que xa se acometeron a rede de pluviais e de saneamento, excepto un pequeno en contacto coa glorieta da N-634; a terceira parte das instalacións de servizos; e unha terceira parte do pavimento das beirarrúas.

 

Sinalou que na actualidade se están a executar as instalacións de servizos, así como o firme das beirarrúas.

 

O proxecto prevé a canalización da rede de servizos: iluminación, telecomunicacións, electricidade, o que redundará nunha mellora estética, xa que agora estes servizos, na súa meirande parte, van mediante tendidos aéreos.

 

Francisco Menéndez concretou que, ademais das tarefas en execución, restan os traballos de estendido do firme na estrada, a colocación de mobiliario urbano e a sinalización vertical e horizontal.

 

Destacou que con estas actuacións se resolverá problemática de estabilidade na travesía debido ás deficiencias na rede de drenaxe, que provocaba afundimentos periódicos do firme da calzada.

 

Ademais da propia travesía, tamén se acondicionará o camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica, nun treito de preto de 500 metros. Neste caso, mellorarase o aparcadoiro, co fresado e disposición dunha nova capa de firme, e renovaranse as instalacións de pluviais ata conectar co colector existente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2024