A Xunta destaca o valor inclusivo do Camiño de Santiago e a importancia de dar visibilidade ao deporte adaptado

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, recibiu os participantes da cuarta edición de ‘Enki no Camiño’, que o Goberno galego apoia para que as persoas con discapacidade poidan peregrinar a Santiago de Compostela en bicicleta con material adaptado

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, recibiu hoxe na praza do Obradoiro os participantes na cuarta edición de Enki no Camiño que, á súa vez, coincidiron no último tramo ata a Praza do Obradoiro cos integrantes de (Con)vivindo no camiño, outro programa da Fundación Enki destinada a persoas maiores de idade con diversidade funcional que, na súa primeira edición, tamén pasa polo Camiño de Santiago.

 

Diego Calvo destacou o valor inclusivo do Camiño de Santiago con iniciativas coma a nova edición de Enki no Camiño, que facilita material adaptado -handbikes ou tándem- para que as persoas con discapacidade poidan peregrinar a Santiago de Compostela en bicicleta. Conta co apoio do Goberno galego e que busca a plena inclusión deste colectivo así como dar visibilidade ao deporte adaptado. En concreto, a Consellería de Política Social e Xuventude financia a iniciativa ao abeiro dos 193.000 euros da última orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF.

 

O vicepresidente primeiro en funcións acompañou os participantes que desde mediados de semana realizaron o Camiño da Vía da Prata desde Sevilla e o seu tramo por Galicia desde A Gudiña, entre eles varios deportistas con diversidade funcional e voluntarios e persoal de apoio. No último tramo de 10 quilómetros estiveron acompañados por familiares, amigos e os participantes (Con)vivindo no camiño. Nesta última proposta, persoas con diversidade funcional realizaron esta semana pequenas etapas de entre 8 e 10 quilómetros da ruta xacobea comezando o mércores en Laza.

 

Ademais, segundo incidiu Diego Calvo, a Xunta traballa a prol do deporte adaptado e inclusivo. Cómpre lembrar que Galicia bate récords e, no caso dos deportistas galegos con diversidade funcional, son 37 os recoñecidos, segundo a última resolución, o que supón a cifra máis elevada da historia. Canto á participación nos Xogos Paralímpicos, en Toquío 2020 competiron 14 deportistas paralímpicos galegos e dous guías dos que o 87,5% regresaron entre os oito mellores do mundo e, polo tanto, Galicia está en condicións de superar esas cifras en París 2024.

Data de actualización: 30/03/2024