A Xunta lembra en Ourense que continúa aberto o prazo para solicitar as axudas para fomentar a sustentabilidade no sector dos recursos naturais

Os interesados poderán presentar as instancias ata o 8 de abril

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou esta mañá Cupa Pizarras, en Carballeda de Valdeorras

Os apoios, que se tramitarán por orde de solicitude, contan cun orzamento de 2,4 M€ e cinco liñas para avanzar na mellora ambiental e laboral, así como para promover a certificación das empresas desta industria

Carballeda de Valdeorras (Ourense), 26 de marzo de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou esta mañá Cupa Pizarras, en Carballeda de Valdeorras, onde lembrou que as axudas para fomentar a sustentabilidade no sector dos recursos naturais continúan abertas ata o vindeiro 8 de abril.

O director xeral puxo como exemplo destes apoios as actuacións realizadas por Pizarras O Cortello -do grupo Cupa-, beneficiaria da última convocatoria. En concreto, acometeu a substitución dos motores de aspiración así como actuacións sobre os tubos na nave Valiñas 1; ademais, substituíuse o filtro húmido e reacondicionouse a tubaxe na nave Valiñas 2.

Tal e como explicou o director xeral, nesta convocatória -á que se destina 2,4 M€- haberá cinco liñas destinadas a empresas privadas do sector mineiro, incluído o subsector da auga mineral natural e o de actividades relacionadas co sector mineiro como é a de elaboración de rocha ornamental, así como as que se dediquen á explotación de balnearios e que realicen a súa actividade ou conten con algún centro de traballo en Galicia.

Unha das liñas apoiará os investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico das zonas onde se desenvolve a actividade mineira e, en especial, mediante a redución de emisións de po e ruído. Outras dúas liñas impulsarán investimentos para mellorar as condicións das persoas traballadoras, en especial na redución da exposición ao po e o ruído: unha dirixirase ao sector mineiro en xeral e inclúe, investimentos tamén en redución das vibracións e medidas de seguridade, hixiene industrial e ergonomía; e a outra ao da rocha ornamental. A intensidade da axuda será como máximo do 60% para as pequenas empresas, 50% para medianas e 40% para grandes, cun máximo de 100.000 euros na primeira e segunda liña, e 50.000 para a terceira.

Por outra banda, outorgaranse axudas para mellorar a conservación e xestión sustentable dos acuíferos ou captacións dos aproveitamentos de augas minerais, termais e de manancial. Apoiaranse investimentos que incrementen a protección do recurso hídrico, especialmente as que poidan previr afeccións e a contaminación das contornas de captación. Neste caso a axuda máxima será de 50.000 euros.

Por último, apoiaranse os procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 Sistema de Xestión mineira sustentable e UNE 22470: 2019 Sistema de Xestión mineiro, mineirometalúrxica e metalúrxica sustentable, que acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sostible nas empresas deste sector. A axuda máxima será de 3.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2024