A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe a residencia Juan Vidán Torres

A Xunta reforza a colaboración con Aspas para mellorar a atención os usuarios dos seus centros

O Goberno galego investiu recentemente 60.000 euros na mellora deste equipamento e 550.000 euros na súa residencia e centro de día en San Marcos, ademais de incrementar o investimento no financiamento de prazas que oferta a entidade coa entrada en vigor do concerto social

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2024

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe que a Xunta de Galicia está a reforzar nos últimos anos o seu apoio ás entidades sociais, co obxectivo de dar máis respostas e solucións ás persoas e familias que precisan dos seus servizos. Díxoo durante unha visita á residencia Juan Vidán Torres que xestiona a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade de Santiago (Aspas).

Begoña Abeijón sinalou que o Executivo autonómico amplía ano tras ano a colaboración co tecido social porque realiza un importante traballo para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias. No caso de Aspas, recordou que a Xunta colaborou nas melloras no centro residencial Juan Vidán Torres con 60.000 euros a través das axudas do 0,7% do IRPF deste ano. A isto engádense un investimento entre 2022 e 2023 de 550.000 euros para ampliar a residencia e centro de día que a asociación ten en San Marcos, así como unha axuda de 45.000 euros en 2023 para a compra dun vehículo.

Por outra banda, a directora xeral manifestou que o novo concerto social asinado coa entidade eleva xa desde este mesmo ano a contribución económica que fai Xunta ao financiamento de prazas de atención residencial e diúrna que ofrece Aspas nos seus centros galegos. Deste xeito, a Xunta pasa de achegar 2,2 millóns de euros anuais polas 131 prazas que sufraga en Aspas a investir 2,7 millóns de euros desde o pasado 1 de marzo. En total, o Goberno galego destina máis de 100 millóns de euros ao ano aos concertos sociais coas principais entidades que traballan no ámbito da discapacidade, o que garante a continuidade da atención aos usuarios de máis de 5.000 prazas que xestiona o sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2024