O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e a alcaldesa, Ana María Villarino, asinaron hoxe un convenio para a execución das obras

A Xunta financiará con 22.000 € obras de mellora no centro de día público de Oímbra

Instalarase unha cuberta no acceso dos usuarios ás instalacións, eliminaranse humidades e colocarase unha varanda no entorno do centro para garantir a seguridade dos usuarios

Oímbra (Ourense), 26 de marzo de 2024

A Xunta destinará 22.000 euros a financiar obras de mellora no centro de día de Oímbra, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou esta mañá coa alcaldesa, Ana María Villarino, un convenio de colaboración para a execución dos traballos, que redundarán no benestar da vintena de persoas maiores que acoden diariamente a este servizo.

Trala firma deste acordo, será o Concello que se encargue agora da contratación das obras e do seguimento da súa execución. Os traballos consistirán na instalación dunha cuberta nun patio superior que serve de entrada ao centro para facilitar o acceso dos usuarios nos días de choiva. Ademais, con esta actuación, preténdese eliminar as humidades que provocan as filtracións que se producen desde esa zona. A intervención tamén contempla a instalación dunha varanda no entorno do inmoble para garantir a seguridade dos usuarios e salvar o desnivel existente na zona.

Perfecto Rodríguez, que visitou o centro acompañada da primeira edil, sinalou que estas obras responden ao compromiso do Goberno galego porque os profesionais e usuarios dispoñan dunhas instalacións en bo estado e da máxima calidade, xa sexan centros residenciais, de día ou escolas infantís.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2024