O conselleiro do Medio Rural en funcións visitou hoxe a zona das futuras obras de acondicionamento xunto ao presidente da Deputación de Ourense e ao alcalde de Xinzo

A Xunta e a Deputación de Ourense destinarán 320.000 € ás obras de mellora do Camiño da Armada, en Xinzo de Limia, que comezarán a vindeira semana

José González destacou que, con esta actuación, a Xunta investiu preto de 10 millóns de euros nos últimos anos para mellorar as infraestruturas viarias e de regadío desta bisbarra ourens

A actuación conxunta das tres administracións implicadas permitirá rexenerar e ampliar o firme desta vía de comunicación, clave para dar saída á produción alimentaria da bisbarra

Levarase a cabo o ensanche, a pavimentación e a instalación dunha nova rede de sumidoiros, así como a sinalización horizontal e vertical

O conselleiro salientou, neste contexto, outras actuacións que benefician a comarca, como a creación de 40 pozos de captación de auga subterránea, a mellora de diversas vías de comunicación no rural ou a promoción de Pataca de Galicia

Sinalou que a Xunta cumpre os seus compromisos coa Limia e que estará “vixilante” para que outras administracións -o Estado, en particular- cumpran os seus en asuntos como a limpeza das canles de regadío, que deben comezar “canto antes

Xinzo de Limia (Ourense), 26 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense destinarán un total de 320.000 euros ás obras de mellora e acondicionamento do Camiño da Armada, en Xinzo de Limia. A Consellería do Medio Rural achegará 220.000 euros e a institución provincial os 100.000 restantes. Os traballos nesta vía - fundamental para dar saída á produción agroalimentaria desta bisbarra ourensá, en especial no que atinxe ao cereal- comezarán a vindeira semana, coa roza das beirarrúas.

Así o avanzou hoxe o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, na visita á zona na que se van levar a cabo estas actuacións e na que estivo acompañado polo presidente da Deputación Provincial, Luis Menor, e polo alcalde de Xinzo, Amador Díaz. Precisamente, o Concello limiao porá a disposición os terreos necesarios e asumirá tamén a explotación e o mantemento das actuacións programadas.

Neste acto, o conselleiro agradeceu a colaboración institucional que fixo posible a posta en marcha da iniciativa e explicou que se trata de rexenerar e ampliar o firme nun tramo de algo máis dun quilómetro deste camiño, mediante unha serie de actuacións, como o ensanche, a pavimentación e a instalación dunha nova rede de sumidoiros, así como de sinalización horizontal e vertical. 

Apoio da Xunta ao agro limiao

O conselleiro enmarcou esta intervención no apoio que a Xunta vén prestando ao agro da Limia, que -salientou- se plasma con feitos e investimentos. Así, debullou a achega, por parte do Goberno galego, de preto de 10 millóns de euros en diversas accións a prol do desenvolvemento da bisbarra. Ademais da actuación posta en valor hoxe, cómpre mencionar os preto de 7 millóns de euros destinados pola Xunta a financiar ao 100% a construción dos 40 pozos para a captación de auga subterránea do sistema de regadío desta comarca, así como o millón de euros do plan comarcal de camiños e os 1,6 millóns achegados, a maiores, para a reparación de vías de concentracións parcelarias.

Ao tempo, José González destacou as xestións realizadas perante o Goberno central a prol do proxecto de limpeza dos canais da comarca e tamén a presión negociadora que mantén o Goberno galego sobre o Ministerio Agricultura, Pesca e Alimentación para que libere os regantes da carga que representa o IVE do proxecto de modernización das súas infraestruturas, así como de ter que avalar as obras, malia -lamentou- a escasa receptividade amosada ata o de agora polo MAPA. Todo isto, engadiu o conselleiro, podería supoñer para os regantes un sobre custo que non vai repercutir na mellora do proxecto.

Neste sentido, o conselleiro reafirmou que “imos seguir cumprindo os nosos compromisos coa Limia e agardo que outras administracións, e concretamente a Xeral do Estado, cumpra tamén os seus”, facendo fincapé, por exemplo, na necesidade de que comecen “canto antes” as obras da limpeza das canles do regadío por parte do Goberno central, un asunto no que, advertiu, “imos estar vixilantes”.

A maiores, neste contexto, o conselleiro puxo en valor outras iniciativas que redundan na mellora do rural da Limia, incidindo por exemplo na campaña “Pataca de Galicia, en boca de todos”, na que se investiu preto de 400.000 euros e que se enmarca no esforzo realizado a través do plan de promoción dos produtos de calidade diferenciada, cun orzamento de preto de 9,5 millóns de euros este ano. Así mesmo, cómpre mencionar a Estratexia da horta, posta en marcha pola Xunta, en colaboración co sector, para reforzar a posición de Galicia como referente da produción hortícola de calidade, un ámbito no que José González advertiu que A Limia “ten e seguirá tendo un papel protagonista”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2024