A Consellería do Mar apoia as demandas da asistencia técnica da confraría coruñesa para que a sementeira da ría do Burgo se realice con todas as garantías

A xefatura territorial enviou hoxe escritos aos responsables do pósito e a Costas coa análise da proposta da adxudicataria da dragaxe nos que sinala que de momento resulta imposible autorizar as sementeiras de moluscos solicitadas para o 8 de abril

Entre a información que se lle reclama están o cronograma dos traballos de acondicionamento previos a sementar dos bancos marisqueiros e os pasos e responsables do proceso de devolver as ameixas e berberechos á zona

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2024

A Xefatura Territorial da Consellería do Mar en A Coruña remitiu hoxe escritos tanto a confraría de pescadores como a Demarcación de Costas nos que se aporta o informe que da resposta á petición por parte da empresa adxudicataria da obra, que solicitaba comezar a sementeira de bivalvos o día 8 de abril. Segundo o análise realizado polos profesionais do departamento nestes momentos resulta imposible autorizala, pois antes de poder proceder a dar o visto e prace deben terminar de arranxarse os bancos marisqueiros tal e como aprecian no seu informe os biólogos da confraría e completar a información que se lles require desde a xefatura.

No documento remitido polas asistencias técnicas da confraría infórmase de que existe unha incertidume sobre a extensión exacta e batimetría dos bancos marisqueiros. Tampouco información sobre a granulometría e o tipo de sedimento final. Sosteñen que non se realizou a caracterización biolóxica dos bancos marisqueiros. Este informe detalla o estado do banco a data do pasado día 21 e as necesidades de acondicionamento previo que serían adecuadas para a realización o máis exitosa posible de sementeira. Sen estas actuacións considérase que non é posible proceder coa realización da mesma.

As solicitudes de inmersión da concesionaria da obra da dragaxe, todas para ese 8 de abril, totalizan 11,5 millóns de unidades de ameixa babosa e 3 millóns de unidades de berberecho, dentro das 18 millóns de unidades as que ascendería o total da sementeira prevista para a ría do Burgo para as diferentes especies.

A tan so 13 días da data solicitada, a cantidade de actuacións necesarias e por acometer e a extensión dos bancos marisqueiros fan que semelle moi complexo de abordar o procedemento tecnicamente. Tras o análise da documentación aportada, desde a xefatura territorial demandouse á empresa adxudicataria emendar previamente carencias detectadas antes de poder acometer a sementeira.

Reclámase a descrición e cronograma de actuacións para o acondicionamiento dos bancos marisqueiros da ría do Burgo, así como detallar o estado final dos mesmos previo á sementeira, tanto a batimetría como a superficie total e a granulimetría.

Outro punto para o que se require información é o dos criterios de distribución das diferentes especies e cantidades de moluscos que se levarás aos bancos, así como da metodoloxía a empregar para garantir o éxito da sementeira. Entre as demandas está tamén a dun cronograma asumible tecnicamente para este proceso, así como a localización do punto de control de subministro dos bivalvos, se se van a realiza acopios e as condicións de como se conservará a semente, xunto co nome de quen exercerá como responsable técnico da sementeira en todos os seus aspectos. 

Apoio ás demandas do sector marisqueiro

Desde a Consellería do Mar  preténdese, con todas estas demandas, garantir que a sementeira responda ás necesidades e demandas da confraría coruñesa e aos criterios técnicos necesarios para que este procedemento sexa un éxito e garanta no futuro unha actividade sostible económica e ambientalmente ás familias de mariscadores da zona, que precisarán que se manteña o respaldo económico do Goberno central ata que poidan regresar con normalidade a desenvolver o seu traballo como en anos previos á dragaxe.

  

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/03/2024