A Xunta imparte charlas sobre protección de vivendas fronte a incendios forestais en parroquias de alta actividade incendiaria do concello ourensán de Muíños

As xornadas divulgativas leváronse a cabo nas parroquias de Requiás e Prado para abordar a protección de vivenda fronte a incendios forestais a través de medidas preventivas en torno á edificación e na xestión dos terreos lindeiros

Estas charlas, que se están a facer nas parroquias de alta actividade incendiaria galegas, teñen como obxectivo principal concienciar e sensibilizar á súa poboación sobre os danos que ocasionan os incendios e os riscos que representan

Muíños (Ourense), 25 de marzo de 2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, está a levar a cabo unha serie de xornadas divulgativas nas parroquias de alta actividade incendiaria galegas, recollidas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) de 2023, e que se dirixen á poboación en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

No marco desta iniciativa, no Distrito Forestal XV A Limia véñense de levar a cabo dúas charlas nas parroquias de Requiás e Prado, ambas as dúas pertencentes ao concello ourensán de Muíños, para abordar a protección de vivenda fronte a incendios forestais. En concreto, falouse de dous tipos de medidas que son a protección da vivenda en si e, por outro lado, a xestión dos terreos que a rodean.

Persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) trasladou aos asistentes algunhas recomendacións, na liña de protexer as vivendas, en aspectos como a limpeza dos canelóns, o emprego de materiais construtivos ignífugos ou a selección, espazamento e mantemento de plantas de xardín -piroxardinería-.

A maiores, sobre a xestión das fincas e terreos que rodean as aldeas e vivendas illadas, afondouse na explicación das medidas a tomar así como as distancias nas cales é obrigatorio a roza e a retirada de determinadas especies arbóreas.

Ao longo deste mes, tamén se celebraron xornadas divulgativas en parroquias de Calvos de Randín -en Calvos- e Baltar, concretamente en Vilamaior da Boullosa. Na vindeira semana ofrecerase outra na parroquia de Randín, no concello de Calvos de Randín.

Sensibilización entre a poboación

Estas charlas teñen como obxectivo principal o de concienciar e sensibilizar á poboación destas parroquias sobre os danos que ocasionan os incendios e os riscos que representan, tanto para as persoas como para os bens, tanto forestais como non forestais.

Así, cada sesión ten unha duración aproximada de entre unha e dúas horas, onde se informa das medidas de prevención e defensa contra os incendios. Tamén se abordan medidas de autoprotección e para protexer as vivendas e as edificacións dos lumes. Con estas accións búscase tamén concienciar á veciñanza das accións de prevención establecidas na Lei de prevención de incendios forestais de Galicia e que son de obrigado cumprimento.

Estas xornadas divulgativas encádranse no programa de formación dirixido á poboación do rural dentro do Plan de formación para o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais 2021-2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2024