Galicia participará ata final de ano en 14 feiras que levarán os produtos das empresas do mar da comunidade polos principais mercados do mundo

Despois da exitosa presenza de 25 coexpositores do sector transformador en Alimentaria 2024 en Barcelona en abril acudirase ao Fórum Gastronómico na Coruña, o Salón Gourmets de Madrid e a Seafood Expo Global de novo na Cidade Condal

A Consellería do Mar reforzou este ano nun 30% os fondos para a dinamización dos mercados, dos produtos de calidade diferenciada e do consumo dos alimentos do mar, mobilizando preto de 42 millóns de euros.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2024

Galicia pretende continuar este ano coa promoción no exterior das empresas do sector marítimo-pesqueiro co fin de continuar a manter as boas cifras en materia de internacionalización, tras bater o ano pasado de novo todas as marcas en exportación dos produtos do mar ao roldar os 2.800 millóns de euros. A partir do próximo mes de abril e ata finais de ano serán 14 as feiras e salóns onde, a través dos stands da Consellería do Mar, se poderá coñecer unha oferta repleta de novidosas propostas e de alimentos da maior calidade.

O primeiro trimestre do ano pechouse a pasada semana coa presenza en Alimentaria 2024 en Barcelona, salón que recorreron preto de 108.000 visitantes profesionais e ao que se achegou o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, para visitar aos representantes das 25 empresas coexpositoras da cadea mar-industria que, nunha cita con presencia de 3.200 empresas de máis de 60 países, brillaron con luz propia as propostas de alimentación galegas para fogares e restauración.      

Nestes tres meses tamén se participou con éxito nos principais encontros comerciais e gastronómicos cos que arrinca o ano, como foron Madrid Fusión, Gulffood Dubai (Emiratos Árabes Unidos-EAU), Seafood International Bremen (Alemaña), Foodex (Xapón) e tamén na Seafood Expo North America Boston (EE.UU). Toda esta presenza, sumada a campañas como GALICIA SABE AMAR e AMAR GALICIA, permitiron difundir a calidade, propiedades nutricionais e beneficios para a saúde que hai detrás dos alimentos mariños.

O próximo mes de abril será intenso en participación da Consellería do Mar en feiras e salóns alimentarios, comezando entre os días 7 e 9 co Fórum Gastronómico que se celebra na Coruña. A continuación acudirase a outras das grandes citas culinarias do panorama español e internacional como é o Salón Gourmets de Madrid, entre os días 22 e 25, unha cita que correrá parella ao Seafood Expo Global Barcelona, que suporá o regreso á Cidade Condal do 23 ao 25 de abril e se celebra xunto ao Seafood Processing Global, constituíndo unha cita fundamental para a industria transformadora dos alimentos do mar.

En maio está prevista a participación na feira da construción naval Navalia en Vigo, e para xuño contémplase acudir á Salimat Abanca Silleda e á Fancy Food de Nueva York. En agosto terá lugar Equiocio e en setembro viaxarase ata a Seafood Expo Asia, para un mes despois estar presentes no salón SIAL de París, en Conxemar en Vigo e na San Sebastián Gastronómica. No treito final do ano a Consellería do Mar participará e dará pé a que acudan pemes coexpositoras a Expo Xantar Ourense e a Expomar Cabo Verde.   

Aposta estratéxica

Co fin de continuar coa tendencia pola que Galicia leva varios anos consecutivos marcando novos récords exportadores dentro da pesca, a acuicultura e a transformación destes alimentos, a Xunta reforzou nun 30% nos Orzamentos do 2024 os fondos para a dinamización dos mercados, dos produtos de calidade diferenciada e do consumo dos alimentos do mar, con preto de 42 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2024