A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións visitou hoxe o centro no que tamén se proxectan obras de mellora

Fabiola García entrega á residencia pública autonómica da Milagrosa un certificado de calidade que recoñece a súa excelencia na atención a maiores

As obras de mellora neste centro sacaranse a licitación no mes de maio e ascenderán finalmente a 1,7 millóns de euros

Lugo, 25 de marzo de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, entregou esta mañá o certificado de calidade á residencia pública autonómica da Milagrosa, en Lugo, que recoñece a súa excelencia na atención a maiores. Durante a visita destacou a traxectoria destas instalacións e apuntou que este certificado valida o seu funcionamento e valora o servizos que nelas se presta atendendo a estándares internacionais.

A conselleira en funcións sinalou que o Goberno galego segue avanzando na implantación do novo modelo de residencias que permite mellorar a calidade destes centros atendendo a aspectos tecnolóxicos, de coordinación sociosanitaria, de melloras arquitectónicas e de  humanización. En definitiva, estase a avanzar para garantir que a atención nestes centros alcance os máis altos límites de calidade.

Neste sentido, anunciou que o vindeiro mes de maio sacarase a licitación as obras de mellora neste centro da Milagrosa. Unhas obras que permitirán a reorganización da entrada principal, a modernización da fachada ou a reordenación de espazos e que contarán cun orzamento de 1,7 millóns de euros, máis do previsto nun inicio pola suba de prezos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2024