O titular do Mar en funcións visitou as instalacións deste colectivo en Boiro

Alfonso Villares enxalza os traballos para elevar a produtividade dos bancos marisqueiros que realizan profesionais como os da cooperativa Ría de Arousa

O conselleiro destaca a xestión que realizan nas praias de Abanqueiro este organismo cooperativo, un dos maiores no litoral galego con máis de catrocentos socios

Abordou a posible recuperación e posta en marcha das súas ‘hatcheries’ para criar ameixa e poder contribuír ás necesidades de semente do propio colectivo e da ría

No seus máis de 50 anos de historia a cooperativa diversificouse e potenciou a xeración de valor coa posta en marcha dunha depuradora e dunha cetaria

Boiro (A Coruña), 22 de marzo de 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, visitou esta mañá en Boiro as instalacións da Cooperativa Ría de Arousa, un colectivo composto por máis de catrocentos socios que xestiona os bancos marisqueiros situados nas praias de Abanqueiro e ante os que defendeu os traballos para incrementar a produtividade dos bancos marisqueiros. Tamén abordou cos seus responsables a posibilidade de recuperar as hacheries ou criadeiros de ameixa que posúe este colectivo para contar con semente tanto para o seu propio uso nos areais que explotan como para poñela a disposición do resto de produtores da ría.

 

Contar con máis semente será fundamental para recuperar os bancos, como tamén o é o traballo que realiza esta cooperativa durante a primeira metade do ano, con labores como é a de descompactar o substrato, cavando e osixenando os areais, e a de reducir tamén a carga orgánica para contribuír a que se fixen con maior éxito as larvas da primavera e o desenvolvemento dos moluscos.

 

Despois dos episodios de mortaldade dos bivalvos provocados polas fortes choivas e temporais do pasado outono que reduciron a salinidade das augas, agora estes traballos son máis importantes ca nunca, acompañados de mostraxes e dunha axeitada programación da extracción, rareos, traslados, limpezas e a retirada de depredadores. De feito, as dúas últimas axudas concedidas á cooperativa arousá, que datan de finais de 2023, son as primeiras baixo o amparo do Fempa e totalizan más de 77.000 euros, teñen coma obxectivo financiar as labores dos biólogos e a vixilancia dos bancos.  

Fundada en 1973 por Francisco Torrado e o párroco Baldomar García, o titular de Mar aplaudiu que hoxe a persoa que preside a cooperativa, Juan José Ramallo, non só manteña o temón na boa dirección, senón que pretenda aumentar a velocidade de cruceiro para que o colectivo siga a ampliar as súas actividades. A incorporación dunha depuradora e dunha cetaria permitiron no pasado que incrementase o valor dos produtos que comercializa e aportase de forma directa aos seus clientes marisco da maior calidade.

 

Alfonso Villares tamén quixo destacar a posición privilexiada de Ría de Arousa para poder acceder ás mellores lonxas de marisco da Ría de Arousa, como Cabo de Cruz, Rianxo, Aguiño ou Ribeira. Sinalou que aínda que unha parte dos seus mariscos se comercializa directamente desde as instalacións de Abanqueiro ou a través da Praza de Abastos de Santiago, a actividade principal de entidade se desenvolve na canle da restauración e, ademais, destaca como provedor gourmet do sector conserveiro galego.

 

Recoñecemento internacional da calidade

Todo este traballo en favor da calidade ten o seu reflexo no feito de que en 2013 a cooperativa certificou o seu modelo de xestión a través de Marine Stewardship Council, organización mundial independente sen ánimo de lucro que establece un estándar para a pesca sostible. Ademais, en 2017 foi máis aló e amparou a súa produción, lonxa, depuradora e cetaria na marca pescadeRías, de onde senón?, selo de identidade para a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal galega.

 

Desde o ano 2009 a Cooperativa Ría de Arousa recibiu máis de 2,5 millóns de euros en distintas axudas de Consellería do Mar, focalizadas no acondicionamento e rexeneración dos bancos marisqueiros e medidas de apoio técnico para a súa xestión, o control de acceso aos recursos, as instalacións e equipamentos para o cultivo da ameixa e protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 22/03/2024