O presidente do Goberno galego en funcións participa na entrega dos Premios Excelencia Académica Ángela Ruíz Robles

Rueda salienta que a gratuidade da matrícula universitaria demostra o compromiso da Xunta por un ensino accesible que recoñece o esforzo e a excelencia

Concedéronse premios a 430 alumnos e alumnas de diferentes titulacións de grao das tres universidades galegas, que obtiveron as mellores cualificacións durante o ano académico 2021/2022

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, salientou hoxe que a medida de gratuidade da primeira matrícula en todos os cursos universitarios en Galicia demostra o compromiso do Goberno galego por un ensino accesible que recoñece o “esforzo”, a “preparación” e a “excelencia” do alumnado galego.

“É o xusto”, argumentou o mandatario galego en funcións sobre esta gratuidade que se implantará xa en setembro. Nese senso, defendeu que o deber das administracións é “poñerllo máis fácil” ao alumnado que se esforza para que poida acadar a mellor formación posible. Nesta liña, ademais da gratuidade da matrícula universitaria, tamén salientou a conxelación das taxas universitarias en Galicia desde hai 13 anos, unha medida que non se dá “en ningún sitio de España”.

Rueda puxo en valor estas decisións do Goberno galego durante o acto de entrega dos Premios Excelencia Académica, que este ano levan por primeira vez o nome da mestra e inventora Ángela Ruíz Robles. Estes galardóns están impulsados pola Xunta para recoñecer aos mellores expedientes da universidade galega, situándose este ano todos por riba do 8 de media.

“Sodes o futuro de Galicia”

En total, concedéronse premios a 430 alumnos e alumnas de diferentes titulacións de grao das tres universidades galegas, e que obtiveron as mellores cualificacións durante o ano académico 2021/2022.

Neste senso, Rueda considerou “merecido” este tipo de recoñecementos. “Isto dura apenas unha hora, pero detrás hai moitísimas horas e anos de esforzo e tamén de renuncias”, valorou sobre o traballo e a dedicación do alumnado premiado, aos que lle deu os parabéns. “Sodes o futuro de Galicia e Galicia depende en gran parte do voso esforzo”, asegurou para concluír.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2024