A Xunta destina preto de 190.000 € ao mantemento do radar meteorolóxico, da rede de raios e do equipo de radiosondaxe da comunidade

O radar situado en Cuntis permite realizar a detección, descrición, seguimento e predición a curto prazo da meteoroloxía

A rede de raios, está composta por catro detectores, un en cada provincia da Comunidade, que facilitan a monitorización de treboadas 

A radiosondaxe é un método de exploración da atmosfera que permite coñecer a estrutura vertical dende o chan ata unha altura de 25 km por medio da medida das principais variables termodinámicas

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia asinou recentemente, por un importe de preto de 190.000 euros, a prórroga do contrato de mantemento, para os próximos dous anos, do radar meteorolóxico, da rede de raios e do equipo de radiosondaxe, que son xestionados pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. 

Deste xeito, a empresa adxudicataria deste contrato levará a cabo todas aquelas operacións necesarias para garantir o funcionamento óptimo dos equipos que configuran a devandita infraestrutura. Así, executará as operacións destinadas ao mantemento preventivo, á corrección das incidencias que se detecten no seu funcionamento diario e á calibración, verificación e substitución de todos os equipos que sexan necesarios para garantir a calidade dos traballos.

O radar meteorolóxico está situado no alto do Monte Xesteiras, no concello pontevedrés de Cuntis, unha posición que permite unha excelente visión das frontes que se achegan a Galicia dende o Atlántico e o Cantábrico así como unha monitorización precisa da súa evolución ata o límite oriental da Comunidade.

Así, este radar, que está en funcionamento desde 2010, permite realizar a detección, descrición, seguimento e predición a curto prazo da precipitación. De feito, grazas aos datos recollidos nesta instalación, MeteoGalicia elabora cada 5 minutos mapas de intensidade e tipo de precipitación (chuvia, sarabia ou neve). Ademais, combinando os datos pluviométricos recollidos pola rede de estacións meteorolóxias cos datos provenientes do radar, obtéñense mapas de chuvia moi precisos.

En canto á rede de raios, está composta por catro detectores de raios, un en cada provincia da Comunidade -Alto do Rodicio (Ourense), Castro Ribeiras de Lea (Lugo), Mabegondo (A Coruña) e Vigo Campus (Pontevedra)-. 

Desde finais de 2009 esta rede permite a monitorización de treboadas e, a maiores, facer estimacións sobre a posible evolución a moi curto prazo destes fenómenos. Cómpre salientar tamén que a precisión media na localización dos raios en Galicia é da orde de 500 m e unha capacidade de detección superior ao 90% en raios nube-terra.

No que atinxe á radiosondaxe, trátase dun método de exploración da atmosfera que permite coñecer a estrutura vertical dende o chan ata unha altura de 25 km por medio da medida das principais variables termodinámicas.

Na actualidade as radiosondaxes realízanse unha vez á semana desde a estación que MeteoGalicia ten en Santiago de Compostela e estímase que os datos recollidos suporán unha ferramenta clave para coñecer tendencias a medio e longo prazo e poder estudar e analizar os efectos do cambio climático en Galicia desde o punto de vista atmosférico.

Data de actualización: 23/03/2024