A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións presidiu hoxe o Consello Reitor do Instituto de Estudos do Territorio

A Xunta ampliará o visor A paisaxe de Galicia desde a bicicleta ata chegar a case 80 rutas e preto de 3.000 km

Ángeles Vázquez subliña que ante o éxito desta ferramenta dixital entre os amantes do ciclismo e os turistas que visitan a Comunidade, o seu departamento prevé incrementar este ano nun 50% os 52 roteiros que xa están dispoñibles para descarga

Avanza que o traballo do IET estará marcado polos proxectos europeos GIFT e Green GAP, a presentación de tres guías de boas prácticas e o impulso doutra nova no marco da colección Paisaxe Galega e a actualización do Catálogo das Paisaxes

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

A Xunta apostará este ano pola ampliación e reforzo do visor dixital A paisaxe de Galicia desde a bicicleta, unha aplicación web do Instituto de Estudos do Territorio (IET) dispoñible desde hai case ano e medio e que a día de hoxe inclúe un total de 52 rutas cunha extensión de máis de 2.300 quilómetros, con percorridos perfectamente cartografados e en formato descargable.

Tal e como avanzou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a reunión do Consello Reitor do IET, ao longo deste ano prevese incorporar ao visor 25 novos itinerarios polo que o obxectivo é chegar a ofrecer preto de 80 rutas ciclistas —un 50% máis que as que ten na actualidade— cunha extensión de case 3.000 km, o que permitirá que afeccionados ao ciclismo e turistas en xeral poidan coñecer a Comunidade dun xeito diferente.

Tras incidir no “éxito” desta ferramenta dixital e recordar que a semana pasada foi presentada no marco do congreso 36º Congreso da Unión Europea de Ciclismo, que se celebrou en Santiago, a vicepresidenta segunda en funcións animou a todas as persoas interesadas no ciclismo a explorar o visor do IET e acceder a información de interese sobre algúns dos recunchos máis interesantes para explorar desde a bicicleta.

Entre os principais fitos do Instituto para este ano, Vázquez Mejuto salientou tamén os dous proxectos europeos relacionados co eido das infraestruturas verdes nos que colabora Galicia e que en 2024 recibirán un pulo importante.

Son, en concreto, o Green Infraestrutura for Forest and Trees (GIFT), liderado polo IET en colaboración con nove socios de oito países europeos e no marco do cal está programada unha acción piloto na Área de Especial Interese Paisaxístico (AIEP) do Monte Xalo; e o Green GAP con Portugal, que permitirá poñer en marcha as accións contidas no plan transfrointeirizo de mellora da paisaxe no esteiro do río Miño.

Para continuar cos traballos impulsados desde o ano 2016 polo IET no marco da colección Paisaxe Galega, a responsable autonómica indicou que nos vindeiros meses se presentarán tres novas guías de boas prácticas: a de integración das terrazas no espazo público, que se está a consensuar co sector; a guía para a execución de áreas de lecer; e un novidoso manual metodolóxico para a análise da ordenación do territorio baixo os efectos do cambio climático.

Así mesmo, avanzou que en 2024 comezarase a traballar nunha nova guía e, tal e como se anunciou este mesmo mes, renovarase coa colaboración da Fundación Juana de Vega o Catálogo das Paisaxes para proceder á súa actualización no contexto territorial, social, económico e cultural.

Aposta polo fermosismo

A vicepresidenta segunda en funcións aproveitou a súa intervención para referirse tamén á convocatoria deste ano das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, a cuarta desde que o IET decidiu apostar por estes incentivos para animar a concellos e cidadáns a apostar pola cultura do fermosismo.

Ao respecto, explicou que unha vez pechado o prazo para a presentación de solicitudes e tendo en conta o orzamento dispoñible —2 millóns de euros en total para ambas liñas— a previsión é volver a esgotar o crédito e conceder 50 axudas a entidades locais para mellorar a imaxe de edificios municipais e elementos etnográficos como fontes, lavadoiros ou cruceiros e outras 355 dirixidas a apoiar a propietarios particulares na reforma e acondicionamento exterior dos seus inmobles.

Por último, Ángeles Vázquez lembrou que esta mesma semana se publicou a quinta convocatoria do distintivo Bandeira Verde, co que a Xunta recoñece o labor dos concellos máis comprometidos co coidado da paisaxe e a protección medioambiental e ao que se poderán presentar candidaturas ata o vindeiro 30 de maio.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2024