A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións estivo esta mañá coa xente moza que participa nesta iniciativa no albergue xuvenil das Sinas

Fabiola García sinala que o programa Primavera Xove permite a conciliación durante a Semana Santa

O Goberno galego pon á disposición da mocidade 600 prazas en albergues e campamentos xuvenís da comunidade para que desfruten de alternativas de ocio educativo

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 23 de marzo de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, destacou esta mañá que o programa Primavera Xove facilita a conciliación familiar durante a Semana Santa. Fíxoo nunha visita aos mozos que participan nas actividades que se desenvolven no albergue xuvenil das Sinas ao abeiro desta iniciativa.

A través do programa Primavera Xove, a Xunta de Galicia ofrece estadías en albergues xuvenís durante os meses de marzo e abril a persoas con idades entre os 14 e os 30. Trátase de preto de 600 prazas en seis instalacións da comunidade para que a mocidade conte con alternativas de ocio educativo do seu interese e os pais teñan opcións de conciliación durante as fins de semana ou períodos non lectivos como a Semana Santa.

Nas Sinas, os participantes neste programa desfrutan de cinco días de aloxamento en réxime de pensión completa e dunha ampla proposta de actividades acuáticas, de tiro con arco e de obradoiros literarios. Ademais destas instalacións, outros espazos nos que se está a levar a cabo Primavera Xove son os albergues xuvenís Mariña Española (Sada e Bergondo); Lug II (Lugo) e Area (Viveiro); así como os campamentos xuvenís A Devesa (Ribadeo) e Pontemaril (Forcarei).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2024