A Cidade da Cultura dá a benvida a primavera cunha intervención paisaxística nas Torres Hejduk que reivindica o valor dos bosques galegos para a vida

‘Da semente á árbore’ é un proxecto da enxeñeira técnica agrícola Mónica Rodríguez Parcero, que poboa o espazo con varias especies atlánticas e mediterráneas

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca a importancia deste tipo de instalacións que “lle dan vida a un espazo tan singular como o das torres e que nos conecta coa contorna natural que envolve ao Gaiás”

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura Da semente á ábore. Un ben para a nosa vida, unha intervención paisaxística creada pola enxeñeira técnica agrícola Mónica Rodríguez Parcero. Coincidindo co arranque da primavera, este espazo do Gaiás recupera así temporalmente o seu uso orixinal como torres botánicas, convidando ao público a mergullarse nas especies que poboan os bosques galegos.

Deste xeito, a torre de cristal utilízase a modo de invernadoiro, onde se recrean dous tipos de bosques galegos — atlántico e mediterráneo —, e a torre opaca como aula, onde se expoñen froitos, sementes e produtos finais obtidos da árbore.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Anxo Lorenzo, destacou no acto de apertura o importante que son “estas instalacións que lle dan vida a un espazo tan singular como as Torres Hejduk e que nos devolven á súa primeira razón de ser, ademais de conectarnos directamente cunha parte moi importante do Gaiás, que é a propia contorna natural e paisaxística que o envolve”. O director xeral recordou, ademais, “a capacidade dos creadores e creadoras para reinterpretar ao seu xeito persoal os espazos das torres”.

Un percorrido polo ciclo forestal

A intervención pretende destacar a importancia dos bosques e do monte e a súa multifuncionalidade, tendo como principal protagonistas as árbores. Ademais de ser o  elemento principal deste ecosistema, onde conviven unha gran diversidade de especies animais e vexetais, a proposta tamén mostra as árbores como parte do monte xunto con outras especies arbustivas, de matogueira e herbáceas.

A experiencia convídanos a mergullarnos no ciclo forestal que vai dende a semente aos beneficios finais das árbores para a nosa vida: contribución á mitigación do cambio climático, protección do chan, conservación dos recursos hídricos ou fonte de recursos naturais e materias primas, ademais dunha función paisaxística, social, cultural e de lecer.

O proxecto segue o camiño das anteriores intervencións realizadas nas Torres Hejduk co vencello común das paisaxes culturais, a natureza e a concienciación ambiental: Fitotario. Invernadoiro interactivo, de Macarena Montesinos Fandiño; 2 Torres, 2 Camiños, do grupo Citerea; O perpetuo tránsito cara ao presente, de Miguel Moreno Mateos; Paisaxes incultas, de Cristina García Fontán; Plástico a mareas, de María José Arceo, e Betula Pendula, de Martín Toimil.

Mónica Rodríguez Parcero

Enxeñeira de montes e enxeñeira técnica agrícola pola Universidade de Santiago de Compostela, Mónica Rodríguez Parcero, traballou no sector dos viveiros e das empresas de servizos forestais e actualmente é a xefa de Área de Fomento Forestal no Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural. Algunhas das súas funcións son o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución, o control da conservación das unidades xenéticas de recursos forestais ou os plans de mellora xenética de especies de interese para Galicia. Desenvolve esta intervención con Estudios Técnicos Topysa, S.L.

Data de actualización: 22/03/2024