A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións participou por videoconferencia na Conferencia Sectorial de Vivenda

Galicia ve escasos os fondos europeos que lle asigna o Goberno central para axudas de vivenda e pide máis recursos para as autonomías que cumpren obxectivos

A Xunta executou nos últimos dous anos case o 100% dos recursos procedentes de Europa con esta finalidade, pero as solicitudes de achegas recibidas para a rehabilitación enerxética dos edificios superaron os 140 millóns de euros

Ángeles Vázquez pide celeridade ao Executivo central no envío dos fondos ás comunidades e defende a posibilidade de transferir para vivenda recursos doutros programas Next Generation que están a obter peores resultados co obxectivo de optimizar o seu aproveitamento e elevar o financiamento dispoñible neste eido

O Executivo galego traslada ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana a importancia de que poña a disposición o solo residencial que ten en propiedade en Galicia para incrementar a oferta de vivenda protexida na comunidade

A vicepresidenta segunda en funcións defende a necesidade de crear un observatorio da vivenda estatal semellante ao galego no que participen e teñan capacidade de decisión os principais axentes implicados na elaboración, desenvolvemento e aplicación das políticas residenciais

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024

A Xunta considera escasos os 25 millóns de euros que lle asigna o Goberno central no reparto territorial dos fondos europeos destinados a financiar diferentes liñas de axudas en materia de vivenda que se convocarán este ano. Así o expuxo hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a súa participación por videoconferencia na Conferencia Sectorial de Vivenda e Axenda Urbana.

A responsable autonómica defendeu a necesidade de destinar máis fondos ás políticas de vivenda así como un recoñecemento, que se traduza nun maior financiamento, a aquelas comunidades que cumpriron nos últimos anos cos obxectivos marcados, como é o caso de Galicia. De feito, a Xunta executou case ao 100% os fondos concedidos á comunidade nesta materia nos últimos dous exercicios, uns apoios que só en 2023 permitiron rehabilitar máis de 12.000 vivendas galegas.

Nesta liña, a vicepresidenta segunda en funcións pediu ao Goberno central que traspase recursos doutros programas dos fondos de recuperación Next Generation que non están a ter tan bos resultados como o de vivenda para que as comunidades autónomas poidan contar cun maior financiamento e atender a demanda existente. Neste sentido, lembrou que Galicia recibiu entre 2022 e 2023 solicitudes de subvención para a rehabilitación no eido residencial que sumarían 140 millóns de euros, polo que os 25 millóns asignados a Galicia quedan escasos para atender as peticións recibidas tanto de comunidades de veciños como de particulares. 

Axilidade no reparto

Non obstante, e co obxectivo de poder realizar o antes posible as convocatorias de achegas para rehabilitación enerxética a nivel de edificio, a nivel de vivenda e para a redacción de proxectos e do libro do edificio, Ángeles Vázquez pediu celeridade ao Executivo central na transferencia dos fondos asignados para ter maior marxe e cumprir cos prazos de execución. A idea da Xunta é convocar esas axudas de xeito inmediato en canto reciba os fondos europeos cun orzamento inicial de 37 millóns de euros para apoiar a comunidades e particulares na mellora da eficiencia enerxética dos inmobles.

Galicia tamén trasladou na conferencia sectorial a importancia de que o Goberno central contribúa a impulsar o mercado da vivenda e a construción na comunidade poñendo a disposición do sector de xeito inmediato o solo residencial da súa propiedade, pois sería unha medida que permitiría incrementar a actual oferta de vivenda protexida.

A vicepresidenta segunda en funcións suxeriu ademais ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana a necesidade de crear un observatorio da vivenda estatal, semellante ao que xa existe en Galicia, no que poidan participar e teñan capacidade de decisión os distintos axentes implicados na elaboración, desenvolvemento e execución das políticas de acceso á vivenda nacionais.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2024