A Xunta implica as asociacións de comerciantes no impulso da innovación do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantivo un encontro con entidades das sete cidades galegas no que se avaliaron diferentes medidas para afondar na dixitalización do tecido comercial galego

A xuntanza enmárcase nas diferentes reunións que se están a realizar para a elaboración do futuro plan estratéxico do sector

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantivo hoxe un encontro coas principais asociacións de comerciantes das sete cidades galegas para seguir traballando de xeito conxunto na innovación do sector e na súa dixitalización e avaliar da man dos profesionais os principais retos aos que se enfronta o comercio minorista.

Este encontro forma parte das diferentes reunións que se están a celebrar para implicar os comerciantes galegos na elaboración do futuro plan estratéxico do sector no que se está a traballar. Dentro destas xuntanzas, o pasado mes de xaneiro realizouse un encontro con responsables de centros comerciais abertos de toda Galicia que contou coa participación da conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana.

En concreto, na xornada celebrada hoxe presentouse ao tecido asociativo o futuro Mapa do Comercio de Galicia, que contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada coa fin de que os potenciais clientes poidan atopar, en base ás súas necesidades, a tipoloxía de comercio necesaria para realizar as súas compras.

Tamén se informou aos representantes das asociacións de comerciantes das melloras e cambios na estrutura da orde de axudas para centros comerciais abertos, que contará este ano cun orzamento de 2.250.000 €.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2024