A Xunta abre a partir de mañá o prazo para solicitar axudas de ata 18.000 € para facer máis accesibles edificos residenciais e vivendas

É o terceiro ano consecutivo que o Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca este programa, dotado con case 9,5 M€ e que permitirá intervir nunhas 1.350 vivendas

As actuacións subvencionables terán como fin facilitar a adaptación tanto interior como exterior de inmobles de tipo residencial a través, por exemplo, da instalación de ascensores e salva escaleiras, da mellora dos accesos desde a vía pública ou da dotación de produtos de apoio, sistemas de guiado, sinais luminosos e sonoros

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024

As axudas da Xunta de Galicia para mellorar a accesibilidade tanto en edificios residenciais colectivos como en vivendas individualmente poderán solicitarse a partir de mañá e ata o vindeiro 22 de abril, con incentivos que poderán chegar ata os 18.000 euros por actuación.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convoca por terceiro ano consecutivo este programa, xestionado pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Cun orzamento global de case 9,5 millóns de euros. Tendo en conta os balances anteriores, estímase que con esta nova convocatoria se poderán chegar a financiar intervencións sobre algo máis de 1.350 vivendas galegas.

O obxectivo é apoiar á cidadanía no financiamento de obras e instalacións que contribúan a eliminar barreiras arquitectónicas, faciliten o acceso ou favorezan a autonomía e a mobilidade tanto en construcións unifamiliares como en edificios de tipo residencial colectivo e nas vivendas que os integran. Ademais, as actuacións poderán realizarse non só dentro dos inmobles senón tamén nos espazos comúns, como xardíns ou zonas deportivas, e naqueles que serven para comunicalos co exterior.

Entre as obras subvencionables inclúense, por exemplo, a instalación de ascensores, salva escaleiras, ramplas ou mecanismos motorizados para abrir portas; as reformas dos accesos desde a vía pública; a colocación de produtos de apoio como guindastres, sistemas tecnolóxicos de guiado, sinais luminosos, táctiles ou sonoros; dispositivos electrónicos de comunicación co exterior; a aplicación de domótica e outra tecnoloxía que favoreza a autonomía persoal; e calquera intervención que facilite a accesibilidade universal no interior das vivendas, nos propios edificios, así como nas vías de evacuación.

En canto aos beneficiarios, poderán acollerse ao programa persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou inquilinas dos inmobles, comunidades veciñais, sociedades cooperativas e empresas construtoras, propietarias ou arrendatarias dos edificios.

Con carácter xeral, as axudas cubrirán, como máximo, o 60 % do custo da actuación que se acometa, aínda que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 80 % se na vivenda ou no edificio reside unha persoa con discapacidade ou que sexa maior de 65 anos.

Ademais destas limitacións, a contía das subvencións será variable e dependerá tanto da tipoloxía e características dos inmobles como das circunstancias dos seus residentes. Así, se se trata dunha casa unifamiliar —illada ou agrupada— o beneficiario poderá recibir ata 12.500 euros para facela máis accesible e cando a subvención se solicite para intervir sobre un edificio residencial, concederase un máximo de 9.000 euros por vivenda e de 90 euros por metro cadrado de superficie construída no caso dun local comercial. Por último, se a solicitude ten por obxecto intervir sobre unha vivenda emprazada nunha edificación de tipo colectivo, o importe da axuda da Xunta non superará os 6.000 euros.

Con independencia da tipoloxía dos inmobles —que terán que ser anteriores a 2006— a subvención chegará ata os 15.000 euros por vivenda se nela reside unha persoa con discapacidade e ata os 18.000 euros se acredita ter un grao de discapacidade do 33 % ou superior. Ademais, para acollerse ás axudas deste ano as actuacións non poderán terse iniciado con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin estar finalizadas a día de hoxe.

Así mesmo, o prazo de execución das obras no caso de vivendas unifamiliares non poderá exceder os 12 meses, mentres que para os edificios de tipoloxía residencial colectiva será de 24 meses tendo en conta que as intervencións neste tipo de inmobles adoitan ser máis complexas e requiren de máis tempo. En calquera caso, as actuacións subvencionadas deberán estar rematadas antes do 1 de decembro do ano que vén.

Prazos de execución

En 2022 o orzamento asignado a esta liña foi de 4,3 millóns de euros e ante a elevada demanda detectada, a dotación da segunda convocatoria incrementouse ata os 9 millóns, contía que se volveu reforzar este ano, alcanzando os 9,42 millóns de euros.

No período 2022-2023 a Xunta concedeu 364 axudas directas para facer máis accesibles vivendas e edificios de carácter residencial. O importe outorgado superou os 12 millóns e grazas a estas subvencións, propietarios particulares, comunidades e inquilinos puideron executar melloras e adaptacións en case 2.000 vivendas no conxunto de Galicia.

Data de actualización: 21/03/2024