A Xunta lembra que está aberto o prazo para presentar candidaturas aos premios Eduemprende a prol do espírito emprendedor entre o alumnado

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe na Coruña na entrega da XVI edición dos ‘Premios Formación para emprender’ organizados polo Concello herculino

Alí dixo que o alumnado de formación profesional, ensinanzas deportivas, artes plásticas e deseño da nosa Comunidade poderán presentar solicitudes aos Premios Eduemprende que convoca o Goberno galego ata o 31 de maio deste ano

Puxo en valor os case medio milleiro de proxectos atendidos nos Polos de emprendemento da provincia da Coruña, o 61% deles impulsados por mulleres

Tamén as axudas a disposición de emprendedores e persoas autónomas, como a cota cero para novas altas durante os doce primeiros meses de actividade

A Coruña, 20 de marzo de 2024

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou esta tarde no acto de entrega da XVI edición dos Premios Formación para emprender organizados polo Concello da Coruña. Alí, destacou que ata o 31 de maio deste ano está aberto o prazo para que alumnado de formación profesional, ensinanzas deportivas, artes plásticas e deseño da nosa Comunidade poida presentar solicitudes aos Premios Eduemprende da Xunta, que teñen por obxecto promover o espírito emprendedor no ámbito escolar.

Na súa intervención, Ardao apuntou que os proxectos vencedores poderán incorporarse a viveiros de empresa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e recibir o asesoramento técnico da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego a través da Rede de polos de emprendemento.

Precisamente en relación aos Polos de emprendemento e apoio ao emprego da provincia da Coruña, a directora xeral apuntou que os centros de Ferrol, Coristanco e Melide levan atendido preto de medio milleiro de proxectos, o 61% deles impulsados por mulleres. Entre estas iniciativas, destacan as relacionadas cos servizos, seguidas das de comercio e das relativos á hostalaría.

Na súa intervención, Margarita Ardao tamén se referiu aos numerosos apoios ao emprendemento e ás persoas traballadoras autónomas, moitos deles con prazo de solicitude aberto, como a cota cero para novas altas durante os doce primeiros meses de actividade.

A Xunta tamén financia os primeiros gastos de actividade, a contratación de persoal ou a mellora da competitividade dos autónomos, mentres para as persoas ou entidades emprendedoras hai axudas para adquirir equipamento informático ou para eficiencia enerxética, entre outras cuestións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2024