O presidente da Xunta en funcións asistiu a unha xornada sobre cambio climático

Rueda garante que a loita contra o cambio climático será unha prioridade na súa acción de Goberno

“A Galicia do futuro ten que ser unha Galicia verde, unha Galicia sustentable e unha Galicia onde a xente poida seguir vivindo e tendo oportunidades económicas”, manifestou

O Goberno galego continúa a tramitación administrativa da primeira Lei do clima de Galicia, que fixará como obriga legal conseguir a neutralidade climática da comunidade en 2040

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, garantiu hoxe que a loita contra o cambio climático seguirá sendo unha acción prioritaria do seu Goberno, co obxectivo de continuar buscando unha resposta en clave galega a unha necesidade global. “A Galicia do futuro ten que ser unha Galicia verde, unha Galicia sustentable e unha Galicia onde a xente poida seguir vivindo e tendo oportunidades económicas, porque é posible compaxinar competitividade, produtividade e sustentabilidade”, asegurou.

Así o explicou durante a súa participación da xornada Cambio climático e as súas moitas consecuencias, organizada polo club Periodismo 2030 dentro dun ciclo de xornadas sobre distintas transformacións que afectan á sociedade. Na súa intervención, o titular do Executivo galego en funcións indicou que “en Galicia temos avanzado bastante nestes anos e contamos cun sector empresarial, ademais, moi concienciado na súa responsabilidade e obriga de aportar, sen perder capacidade económica”.

Con todo, tal e como apuntou Rueda, aínda queda moito por facer. “Imos seguir por ese camiño, seguir concienciando a todo o mundo, sobre todo á xente moza, e seguir agradecéndolle aos sectores económicos que entendan que isto é algo irrenunciable e, ao mesmo tempo, pedir responsabilidade, ser realistas e pensar que a vida nos territorios ten que seguir existindo”, indicou.

Así, co obxectivo de consolidar a Galicia como un referente na loita contra o cambio climático, a Xunta continúa avanzando na tramitación administrativa da primeira Lei do clima de Galicia, que xa superou os trámites de audiencia e información pública. Nesta nova normativa fixarase como obriga legal conseguir a neutralidade climática da comunidade no ano 2040, así como tamén considerará o clima como un valor prioritario en todas as políticas que se desenvolvan en Galicia.

Este novo texto lexislativo súmase aos esforzos que vén facendo Galicia desde hai anos na materia. Así, por exemplo, esta comunidade autónoma é unha das poucas rexións españolas que conta cunha folla de ruta propia, a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050.

Ademais, o Goberno galego está a impulsar iniciativas colaborativas para facer fronte a esta problemática como a coordinación do Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía -que suma, a día de hoxe, a 285 concellos, dos que preto de 250 xa aprobaron os seus propios plans de acción-; ou como a Alianza galega polo clima, que xa conta con 126 entidades públicas e privadas adheridas.

Valorou que esta loita supón tamén grandes oportunidades, como o desenvolvemento de enerxías renovables, e que xa estamos vendo os esforzos do traballo feito. Os últimos datos dispoñibles -do ano 2021- demostran que Galicia reduciu nun 34% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro respecto a 1990, e que foi tamén a primeira comunidade autónoma en secuestro de carbono (isto é, o territorio que máis dióxido de carbono captou).

“Quero que sigamos sendo pioneiros, que toda a sociedade galega se implique no que ten que ver cos riscos do cambio climático, coa transición enerxética, coa sustentabilidade ambiental, porque Galicia é un tesouro natural e temos que seguir conformándoo”, manifestou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2024