O presidente da Xunta en funcións participa na presentación da IV edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida

Rueda defende o crecente compromiso medioambiental do tecido empresarial galego e garante condicións favorables da Xunta aos proxectos sustentables

“Ningunha administración é máis rigorosa e garantista do que o é a galega”, asegura o mandatario galego en funcións

Adianta unha lexislatura marcada polo impulso da colaboración pública-privada para que iniciativas que xeran “progreso e riqueza” se instalen en Galicia e non se despracen a outros territorios

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe o esforzo e compromiso crecente das empresas galegas por ser cada vez máis sustentable, apostando por medidas que beneficien tanto ao medio ambiente como ás persoas, unha cuestión que erixiu como fundamental porque “marca o desenvolvemento industrial dos territorios e, polo tanto, tamén de Galicia”.

Así o defendeu durante a presentación da IV edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida 2023, elaborado por Economía Digital Galicia e no que participaron 80 compañías. Unha ferramenta que permite medir o nivel de adaptación das empresas e a súa implicación co territorio, coa boa xestión, o medio ambiente e coas persoas e da que “saudou os resultados”, xa que nos catro apartados, o tecido empresarial galego acadou un aprobado xeral, segundo as conclusións do informe.

Controis estritos e condicións favorables a proxectos sustentables

Por estes motivos, comprometeu o apoio da Xunta aos proxectos sustentables das compañías que xa están asentadas en Galicia e tamén a aquelas que o vaian facer nun futuro, e que presenten proxectos respectuosas coa contorna “e que non perdan de vista os territorios nos que se asentan e deben deixar beneficios directos”.

Neste senso, advertiu que a Administración galega é e será “absolutamente estrita” cos controis medioambientais que lle correspondente, polo que garantiu que todos os proxectos empresariais que se aproben en Galicia será porque teñen pasado este control. “Ningunha administración é máis rigorosa e garantista do que o é a galega”, aseverou.

Pulo á colaboración público-privada

Por esta razón, quixo “romper unha lanza” a favor do compromiso medioambiental que amosan iniciativas empresariais galegas e avogou por impulsar a colaboración público-privada xa existente. “Imos levalo á práctica moitísimo máis nesta lexislatura”, anunciou sobre a estratexia do Goberno galego de cara aos vindeiros catro anos.

Neste senso,  apuntou que Xunta sempre se caracterizou por ser unha  “administración amigable” para as empresas, das que salientou o seu papel de “mover a economía e mellorar as condicións de vida das persoas e do territorio”. Consecuentemente, amosouse partidario de que as administracións creen “condicións favorables” para que invistan no territorio e poñan en marcha os seus proxectos.

“Xeran progreso e riqueza”, argumentou sobre estas iniciativas. Pola contra, alertou que unha postura de “desconfianza” por parte das Administracións provoca que se despracen a outros lugares, “e iso só leva a empobrecerse”.  “Debemos darnos conta de que Galicia ten enormes oportunidades para aproveitar”, advertiu para concluír a súa intervención.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2024