Reguera visita unha peme en Tui que se beneficiou dos 2,5 millóns de euros que a Xunta investiu na provincia como parte dun programa autonómico de apoio ao emprendemento

Necus Composites recibiu unha achega de máis de 36.000 euros que lles permitiu adquirir un novo molde para a fabricación das súas pezas

Reguera destacou o compromiso da Xunta co sector empresarial e animou aos empresarios a seguir traballando duro da man das administracións para alcanzar as súas metas

Tui, 20 de marzo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá empresa Necus Composites, que foi unha das beneficiadas das axudas da Xunta dirixidas ao emprendemento (programa Emprendemento Plus).

Esta empresa, que se dedica a elaborar todo tipo de utensilios, vehículos e pezas con fibra de carbono, recibirá unha achega de preto de 36.000 euros para a compra de equipamento.

Cabe destacar que estas axudas benefician a cen empresas na provincia de Pontevedra e deixan unha achega de preto de 2,5 millóns de euros. Desta forma a Xunta busca apoiar o investimento e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de persoas autónomas e pemes.

O delegado territorial lembrou o compromiso do goberno autonómico co tecido empresarial galego e a intención da Xunta de “seguir apoiando aos nosos emprendedores, porque solo así poderemos garantir un futuro próspero e moderno”.

No caso de Necus Composites, a achega do programa financia unha parte importante do custe de fabricar un molde que lles permite elaborar novas pezas a base de pequenos pedazos de fibra de carbono desbotados por outras industrias.

Reguera rematou a visita animando aos encargados desta empresa de pouco máis dun ano de vida a seguir traballando duro e confiando nas súas posibilidades para converterse “nun referente nacional e ser un exemplo a seguir para os emprendedores do futuro”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2024