A vicepresidenta segunda en funcións participou hoxe por videoconferencia na reunión preparatoria do próximo Consello consultivo de asuntos medioambientais europeos

A Xunta urxe ao Goberno central a iniciar o proceso para exixir responsabilidades económicas e ambientais polo impacto do incidente do Toconao en Galicia

Ángeles Vázquez lamenta que a Comunidade se volva sentir abandonada, ao igual que sucedeu en xaneiro tras a chegada de granulados plásticos ás costas galegas

Solicita ao Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que defenda ante a UE a petición de Galicia para que se aplique tamén ao transporte marítimo o futuro regulamento europeo sobre os riscos asociados ás perdas deste tipo de material

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2024

A Xunta urxiu hoxe ao Goberno central a iniciar canto antes o procedemento legalmente previsto para exixir responsabilidades ambientais polo impacto do incidente do buque Toconao sobre as costas galegas, incluídos todos os gastos que asumiu en solitario para facerlle fronte.

Así o reclamou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención por videoconferencia na reunión preparatoria do próximo Consello consultivo de asuntos medioambientais europeos, no que se debaterá, entre outros asuntos, o novo regulamento comunitario para minimizar os riscos asociados ás perdas de granulados.

Tal e como lembrou, o Executivo galego remitiu unha carta ao Goberno central o pasado 19 de xaneiro na que lle pedía que se encargara da exixencia da responsabilidade ambiental por este incidente, recibindo como resposta inicial que se ía estudar a súa solicitude. Semanas despois, a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, volveuse dirixir á Xunta para indicarlle esta vez que daba traslado da petición ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

Por este motivo e transcorridos dous meses desde que a Xunta pedira por primeira vez que o Goberno central asumira a reclamación no marco das súas competencias exclusivas en materia de contaminación mariña, Vázquez Mejuto criticou que se lle estea “dando largas” á Xunta nun asunto tan importante e lamentou que Galicia se volva sentir abandonada por parte do Executivo de Pedro Sánchez.

Neste sentido, incidiu en que durante o episodio que provocou a chegada gradual de granulados plásticos á costa galega a comezos do mes de xaneiro, o Goberno autonómico solicitou en reiteradas ocasións a intervención do Executivo central así como a activación dos plans estatais contra a contaminación previstos para estes casos.

Sen embargo, tal e como explicou a vicepresidenta segunda en funcións, foi Galicia a que desde o primeiro momento tivo que “afrontar en solitario e sen axuda” a xestión dun vertido que ao producirse desde o mar era “competencia exclusiva” do Estado.

Ao respecto, recordou que este tipo de incidentes de contaminación mariña por granulados plásticos procedentes de mercantes non son un feito illado senón que se producen de forma continua, polo que aproveitou a ocasión para insistir na necesidade de que ante estes sucesos cada administración teña claras e asuma as súas competencias, non como ocorreu durante o incidente do Toconao.

Na mesma liña, Ángeles Vázquez considerou que o regulamento comunitario para prever as perdas deste material durante o seu transporte debería aplicarse tamén ao eido marítimo e non restrinxirse só a vehículos por estrada, ferrocarril ou navegación interior.

Ao respecto e tras lamentar a ausencia da ministra Teresa Ribera durante unha reunión “tan importante” como a de hoxe, pediulle aos representantes do Ministerio que lle trasladen a petición expresa de Galicia de que defenda ante o Consello de Medio Ambiente da UE da próxima semana a inclusión desta proposta na futura normativa.

De feito, cómpre lembrar que hoxe mesmo se debaten no Parlamento Europeo as emendas presentadas con relación a este regulamento, entre elas, unha que avoga precisamente por estender o seu ámbito de aplicación tamén ao transporte marítimo de granulados plásticos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/03/2024