O titular do Medio Rural en funcións inaugurou hoxe o Encontro científico-técnico Transfronterizo de Montes de Pinus Pinaster no Hotel Balneario de Mondariz-Balneario

A Xunta destaca a importancia de implementar estratexias silvícolas para mellorar o manexo dos montes de piñeiro e avanzar na súa reestruturación

José González resaltou que foros como o que se celebra entre hoxe e mañá en Mondariz favorecen o asentamento dunha folla de ruta para estruturar o Plan estratéxico das coníferas en Galicia

Neste sentido, destacou que un 70% da xeografía galega ten consideración de territorio forestal -430.000 hectáreas só de piñeiro- e cualificou ao sector como “caixa de aforros verde” para as familias, cun valor estimado de 43.000 millóns 

O titular do Medio Rural en funcións debullou a planificación na que traballa a Xunta con iniciativas como o Plan forestal de Galicia “Cara a neutralidade carbónica” 2021-2040 ou o Plan estratéxico da industria forestal-madeira

Ademais, recalcou que o Goberno galego reforza a súa firme aposta polo uso da madeira na construción ou para valorización e a segunda transformación da industria forestal e do contract con convocatorias de axudas anuais

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 19 de marzo de 2024

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, inaugurou hoxe o Encontro científico-técnico Transfronteirizo de Montes de Pinus Pinaster que se está a celebrar entre hoxe e mañá no Hotel Balneario de Mondariz-Balneario. No acto inaugural tamén estivo presente o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o alcalde deste municipio, César Gil, así como distintas asociacións de propietarios forestais, empresas e entidades implicadas neste sector xunto con máis de 150 asistentes que participan a distancia.  

Na súa intervención, o conselleiro do Medio Rural en funcións sinalou a importancia deste encontro á hora de establecer estratexias silvícolas que permitan mellorar o manexo dos montes de piñeiro e iniciar un proceso eficiente de reestruturación a ambos lados da fronteira. Neste sentido, remarcou a importancia dun foro como este para acadar conclusións que favorezan o asentamento dunha folla de ruta para estruturar o Plan estratéxico das coníferas en Galicia.

Estratexia forestal do goberno autonómico

O titular de Medio Rural en funcións puxo de relevo o traballo que se está levando a cabo desde a Xunta a prol da industria forestal-madeira, sentándose en tres eixos fundamentais -o monte, a industria e o produto-. José González comezou falando do monte, de gran importancia en Galicia pola extensa superficie forestal coa que conta a nosa comunidade.

Nesta liña, resaltou que aproximadamente un 70% da xeografía galega ten a consideración de territorio forestal -430.000 hectáreas son só de piñeiro- e que Galicia asume máis da metade das cortas que se realizan en España. Por iso, cualificou ao sector forestal como unha “caixa de aforros verde” para moitas familias galegas, cun valor económico estimado próximo aos 43.000 millóns de euros. 

José González explicou que, para favorecer esta estratexia forestal, a nosa comunidade conta co Plan forestal de Galicia “Cara a neutralidade carbónica” 2021-2040, unha ferramenta asociada a unha inversión público-privada de 4.900 millóns de euros ata o ano 2040, que permite entroncar a silvicultura e a xestión forestal sostible cunha produción de madeira de calidade.

Nela, apuntou José González, contémplanse os obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, que cun orzamento de algo máis de 55 millóns de euros, prevé a mobilización de preto de 140 millóns no reforzo da súa competitividade e modernización. Neste contexto, fixo referencia ao Plan estratéxico da industria forestal-madeira para aliñar o Plan forestal coas necesidades do sector.

Toda esta planificación, engadiu, busca o fomento de recursos forestais madeireiros e a súa mobilización, precedido dunha valorización das coníferas de alto valor -especialmente do piñeiro- a través da consolidación da súa superficie e o incremento da taxa de volume de cortas e cunha aplicación dunha silvicultura adecuada.

Tendo en conta a importancia da industria forestal para a nosa comunidade, o titular do Medio Rural en funcións salientou que “non somos un Goberno conformista”, polo que manifestou a súa intención de afianzar a aposta pola transformación, o peche de ciclos e o aumento do valor engadido dos recursos endóxenos. Nesta liña, lembrou a declaración conxunta asinada o pasado mes de febreiro coa Consellería de Economía, Industria e Innovación xunto con representantes do sector industrial forestal de Galicia co fin de urxir o apoio público decidido a calquera iniciativa industrial que se proxecte en Galicia encamiñada ao peche dos ciclos industriais ligados á madeira.

Por outra banda, o conselleiro do Medio Rural en funcións puxo en valor as axudas económicas centradas na creación de superficies forestais, en accións silvícolas destinadas ás masas de coníferas, na implementación de instrumentos de ordenación ou xestión forestal e outras iniciativas que permitiron superar os 23 millóns de euros de investimento desde o ano pasado. Ademais, resaltou o traballo que se está a facer dentro do Programa da rede de alto valor xenético de Galicia, centrado na mellora xenética de frondosas e coníferas. 

Un sector que emprega a 25.000 persoas

Outro dos eixos que destacou José González, xunto co monte, é o da industria. Neste senso, destacou que a cadea monte-industria dá emprego a 25.000 persoas en Galicia, o que supón o 12% do emprego industrial galego. “A industria madeireira é esencial para aportar valor ao montes a través do desenvolvemento e a fabricacións de produtos diferenciados”, engadiu. No pasado mes de febreiro, lembrou, a Xunta publicou unha nova convocatoria de axudas para a valorización e a segunda transformación da industria forestal e do contract, cun orzamento récord de 4 millóns de euros. 

Fomento da madeira na construción

O último eixo fundamental é o produto, a madeira, que xera un “valor extra” nas plantacións, sinalou José González. Para o fomento do seu uso, sinalou que a Xunta leva investidos 2,5 millóns na súa potenciación como elemento estrutural na construción e que beneficiarios a “centos de empresas e particulares” co emprego de madeira galega trazada, algunha con certificacións PEFC ou FSC ou coa marca “Piñeiro de Galicia”.

A maiores, tamén manifestou unha nova convocatoria de axudas neste senso para este ano e o próximo, para acadar un investimento de 5 millóns de euros para avanzar nesta liña. Ademais, está o compromiso do Goberno galego por incluír madeira en ata un 20% das novas construcións impulsadas pola administración autonómica, co obxectivo de promover unhas edificacións máis sustentables.

Neste senso, José González incidiu en que a industria da madeira xoga un importante papel no desenvolvemento sostible de Galicia. Por iso, destacou que asegurar a súa viabilidade a longo prazo a través dunha xestión sostible, permitirá manter unha fonte de materias primas e de emprego no rural, favorecendo a fixación de poboación. “Estamos ante un sector que representa unha das principais fontes de riqueza e emprego no rural galego, e nos reivindica como potencia dentro dos planos nacional e europeo”, resaltou.

Mercado voluntario de crédito de carbono

De cara ao futuro, o conselleiro do Medio Rural en funcións quixo resaltar que Galicia é a primeira comunidade de España que regulará un mercado voluntario de crédito de carbono, cuxo proxecto de decreto se atopa en trámite de exposición pública para captar todas aquelas aportacións que permitan mellorar, de forma exponencial, a súa calidade.

Este mercado, explicou, xerará créditos de carbono derivados da capacidade de absorción e almacenamento das actividades relativas aos usos da terra, ás masas forestais, en substitución de outros cunha maior pegada de carbono.

Cinco relatorios e 40 expertos

Este encontro estrutúrase en tres bloques temáticos e cinco relatorios, e conta coa intervención dun grupo de 40 expertos, profesionais da xestión forestal e científicos vinculados á silvicultura, que abordarán temas relacionados co manexo dos montes de piñeiro pinaster na eurorrexión de Galicia – norte de Portugal. 

Neste evento, que ademais conta co apoio do Goberno autonómico, tamén colaboran diferentes entidades de referencia neste sector como a Fundación Arume e ABANCA, o CentroPinus, as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Valencia, así como outras empresas de xestión de montes e servizos forestais e asociacións de propietarios forestais de Galicia e Portugal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/03/2024