A Xunta adxudica por preto de 1,9 M€ a mellora do firme na vía de altas prestacións entre Monforte e o Alto do Faro e na LU-533 ao paso polo concellos de Chantada e do Saviñao

As intervencións levaranse a cabo no treito de 13,5 km da vía CG-2.1 e en algo máis de 4,4 km da LU-533, desde o núcleo urbano de Chantada ata Escairón

Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses e consistirán na rehabilitación e na reposición do pavimento, ademais do repintado das marcas viarias

O contrato asinarase nos vindeiros días e a previsión é poder iniciar as obras na segunda quincena de abril, para a súa execución entre a primavera e o verán

Esta actuación completa a mellora do firme levada a cabo no eixe Monforte-Chantada-Lalín na provincia de Lugo, cun investimento autonómico de máis de 1,9 M€

A Xunta segue traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria, destinando este ano 53 M€ á súa conservación

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2024

A Xunta adxudicou por 1.880.818 euros a execución das obras de acondicionamento do firme na vía de altas prestacións entre Monforte de Lemos e o Alto do Faro (CG-2.1) e na LU-533, ao paso polo concellos de Chantada e do Saviñao.

Esta intervención, adxudicada á empresa Grupo Bascuas 2008, S.L, consiste no  reforzo e acondicionamento do pavimento destas vías autonómicas.

O contrato asinarase nos vindeiros días e as obras iniciarase, previsiblemente, na segunda quincena do mes de abril, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, para a súa execución entre a primavera e o verán. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

Máis en concreto, as actuacións adxudicadas levaranse a cabo no tramo de 13,5 quilómetros da estrada CG-2.1, que discorre polo concello de Chantada. Neste caso, intervirase no treito comprendido entre o quilómetro 29+450, intersección coa estrada N-540, ao norte do núcleo urbano de Chantada, ao 42+950, no límite provincia Lugo.

Este contrato inclúe tamén a intervención nun treito de algo máis de 4,4 quilómetros da estrada LU-533, no seu percorrido polos concellos de Chantada e do Saviñao. O tramo de actuación comeza no núcleo urbano de Chantada, á altura do quilómetro 1+760 e ata o 6+175, en Escairón.

Nestes tramos das estradas CG-2.1 e LU-533 existen zonas con fisuración provocadas polo desgaste do tráfico, e outras zonas máis deterioradas, cunha perda progresiva do material da calzada. As solucións, segundo o grado de deterioro, inclúen a rehabilitación do firme mediante o fresado localizado e a reposición de 5 centímetros de espesor a carril completo, e a aplicación cun espesor de 3 centímetros no ancho da plataforma e en toda a lonxitude das estradas. Estas actuacións completaranse mediante o pintado da sinalización horizontal.

Estas intervencións completan a mellora do firme xa levada a cabo no eixe Monforte-Chantada-Lalín na provincia de Lugo, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria. A última delas realizouse no ano 2021 nas estradas CG-2.1, no treito Monforte de Lemos-Escairón, e na LU-533, cun investimento de máis de 1,9 M€.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando este ano 53M€ á súa conservación.

Documentos relacionados

Data de actualización: 18/03/2024