A Xunta repartirá outros 3.000 composteiros por toda Galicia cun investimento de máis de 210.000 euros

A empresa pública Sogama adxudicou o contrato para a subministración, almacenaxe e distribución destes equipamentos, que se engaden aos máis de 21.600 xa entregados a distintos concellos, centros escolares e outros colectivos sociais

Este recipientes están pensados para familias que habiten unha vivenda unifamiliar e que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2024

A Xunta adxudicou por algo máis de 210.000 euros a subministración, almacenaxe e distribución de 3.000 novos composteiros entre concellos, centros educativos e colectivos sociais. O obxectivo deste contrato é estender a autoxestión da materia orgánica a aqueles ámbitos nos que resulte viable ante os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.  

Este contrato foi licitado pola empresa pública Sogama, que ata o momento xa repartiu de forma gratuíta máis de 21.600 composteiros -con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables- entre 462 entidades de toda Galicia como concellos (227), centros escolares (203) e outros colectivos sociais (32).

Esta nova partida enmárcase no obxectivo de ampliar o número de persoas e familias que se interesan pola compostaxe doméstica e que a poñan en práctica como unha forma eficiente de previr ou reducir a produción de residuos en orixe. Ao mesmo tempo permite valorizar a materia orgánica de forma eficaz mediante a súa conversión en compost, un abono de alta calidade con boas propiedades fertilizantes e de protección da natureza e do medio ambiente.

A entrega dos composteiros ás familias realizarase a través dos concellos e repartiranse entre os veciños que habiten unha vivenda unifamiliar que dispoña de terreo no que aplicar o compost resultante pechando desta forma o ciclo de recuperación da fracción orgánica, que representa arredor do 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo.

Información adicional

Ademais dos composteiros, a Xunta tamén proporciona aos entes locais manuais didácticos de apoio nos que se explica de forma detallada a operativa a seguir polos usuarios dando resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns.

A maiores, os técnicos de Sogama imparten cursos de formación presenciais para complementar e reforzar os coñecementos dos participantes neste ámbito e para resolver todas as dúbidas que o proceso lles poida xerar. Os interesados tamén contan con información sobre a compostaxe na páxina web da empresa pública.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2024