A Xunta participa na homenaxe ás mulleres dos mariñeiros do Morrazo cun especial recordo para aquelas familias que perderon seres queridos no mar

Cangas do Morrazo (Pontevedra), 16 de marzo de 2024

Hoxe a asociación Mulleres en Igualdade do Morrazo (Amei), no marco das celebracións con motivo do 8 de marzo, celebrou a primeira edición de Mulleres referentes do Morrazo que foi dedicado a homenaxear e recoñecer o papel das mulleres nas familias de mariñeiros que faenan en buques de altura e gran altura que, atendendo as especiais circunstancias que supoñen as prolongadas mareas a bordo destes pesqueiros espallados por todo o mundo, fai imposible a debida corresponsabilidade familiar. No acto, no que estivo presente en representación da Consellería do Mar a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e no que participaron cinco viúvas de mariñeiros falecidos no afundimento do Villa de Pitanxo en augas de Terranova, en Canadá, no ano 2022 no que pereceron 21 persoas, cinco dos cales eran veciños da zona.

No evento realizouse unha mesa redonda na que as mulleres destes profesionais explicaron en primeira persoa as súas vivencias e o impacto que tivo a profesión das súas parellas na vida das súas familias que, marcadas por prolongadas ausencias por motivos profesionais, obriga a que estas mulleres asuman en solitario as cargas familiares de coidados e de crianza dos seus fillos e fillas, limitando por outra parte, o seu desenvolvemento profesional. Nun contexto social no que cada vez se avanza máis na conciliación e corresponsabilidade no seo familiar hai profesións nas que aínda non é posible acadar ese obxectivo, unha circunstancia que se quixo visibilizar neste acto así como valorar os progresos acadados nos últimos anos e o camiño que queda por percorrer no ámbito pesqueiro.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/03/2024